Coa probábel reapertura a nivel estatal do debate sobre o financiamento autonómico, o executivo marca posicións.
Reforma e potenciación do Fondo de Suficiencia e do Fondo de Compensación Interterritorial, creación dunha axencia tributaria que se coordine coa estatal e avances na autonomía financeira a través de tributos indirectos e ambientais. Son algúns detalles do esquema co que a Xunta vai tomar posición a curto ou medio prazo diante do debate aberto no Estado. Así o recoñeceu o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, durante a súa intervención este mércores no Parlamento.
Touriño respondía a unha pregunta do voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, quen na argumentación da postura do Bloque, reclamou que Galiza teña "voz propia e potencia, con propostas pensadas desde aquí, para participar na revisión do sistema de financiamento autonómico". Tal revisión, vaise acelerar á volta das últimas eleccións xerais, pola presión desde Cataluña, nomeadamente do PSC, que levou o tema á recente campaña electoral. O propio presidente da Generalitat, José Montilla, e a cabeza de lista dos socialistas cataláns por Barcelona, Carme Chacón, realizaron alusións ao respecto nos últimos tempos.
Con ese escenario de fondo, Carlos Aymerich explicaba este mércores na Cámara que o actual sistema "é mellorábel" e advertía de que "non satisfai as necesidades que Galiza ten, nin en termos de suficiencia de recursos nin de autonomía fiscal". Engadía ao respecto Aymerich que autonomía tributaria e suficiencia económica "son dúas caras da mesma moeda", polo que lle pedía ao executivo que traballe nesa liña.
Cara a un novo modelo que cubra as necesidades reais de gasto
"Aspiramos a ter máis recursos, a autonomía financeira e a capacidade de suficiencia financeira do sistema", afirmou o presidente da Xunta na súa intervención, asegurando que o Goberno pedirá por "un novo modelo" de financiamento que facilite a cobertura das necesidades de gasto do país, garanta o reequilibrio territorial no Estado e "corrixa o déficit histórico" que en canto a investimentos acumula Galiza.
Ao respecto, Pérez Touriño subliñou que o custo de prestación de servizos é máis alto en Galiza debido á dispersión da poboación, o grao de avellentamento e a porcentaxe de emigrantes. Nese sentido, indicou que a negociación a estabelecer a nivel estatal deberá atender a eses factores.
Touriño comentou a necesidade de modificar e reforzar o Fondo de Suficiencia para garantir que cumpra a súa función de cubrir a diferenza entre obrigas de gasto recoñecidas na prestación de competencias transferidas e os ingresos obtidos. De igual xeito, afirmou que a Xunta aposta por un Fondo de Compensación Interterritorial que "asuma o papel reequilibrador" que compense a perda dos fondos europeos, e que sería necesario duplicar para as comunidades que non cheguen ao 90% da renda media estatal.