Esta cuarta feira o combinado nacional viaxa a Málaga para participar no Campionato por Federacións Territoriais.
A selección galega de waterpolo infantil parte rumbo a Málaga para disputar o Campionato Estatal de Waterpolo Infantil por Federacións Territoriais. O campionato hase xogar entre o 13 e o 16 de marzo entre 12 seleccións.
O formato do campionato será de 2 grupos de 4 equipos que han xogar entre si dentro do mesmo grupo. De aquí saen 2 clasificados para xogar unha seguinte fase, entre os primeiros e os segundos de cada grupo (partidos de semifinais) e entre os terceiros e os cuartos (que han xogar os postos do sexto ao décimo).
Despois desta fase entran a xogar Cataluña e Madrid, directos a semifinais, como campión e subcampión do ano pasado.
A selección galega
A selección de Galiza está no grupo A, e ha xogar os primeiros partidos contra Navarra, Andalucía e Aragón.
Van convocados mozos e dos equipos galegos de waterpolo. Por exemplo, polo CN Pontevedra van chamados a xogar con Galiza Pablo Seoane, Guillermo Atienza e Javier Portas; do CW Santiago van Raúl Gallego, Adrián García, Fernando Mayer, Agustín Salgado e Alberto Tomé; do CN Marina Ferrol van Carlos González, Alberto Gundín e Ivo Uria; e do CN Coruña van Pablo Ares e Brais Blanco. Os técnicos de Galiza son Javi de Sáa, do CN Pontevedra e Xavier Pérez, do CW Santiago.
O obxectivo principal do combinado nacional é que os xogadores gañen experiencia nestes partidos, e poidan seguir mellorando como waterpolistas. A clasificación final parece o menos importante, xa que, en comparación con outras seleccións, as condicións de adestramento de Galiza son peores, debido á falta de espazo para exercitar o aprendido.