Na cerimonia de entrega dos premios Rubén García, alma da Mostra de Teatro de Ribadavia, recibirá o premio de honra Marisa Soto.
A piragua, Noite de Reis (ambas as dúas do Centro Dramático Galego) e As últimas lúas (de Lagarta Lagarta) son as grandes favoritas nos premios María Casares de teatro que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia entregará o xoves 27 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. As tres producións son candidatas ao galardón de mellor espectáculo do ano, e de igual xeito os seus responsábeis: Cándido Pazó (A piragua), Quico Cadaval (Noite de Reis) e Xulio Lago (As últimas lúas) están nominados ao premios de mellor dirección. En total Noite de Reis acumula nove candidaturas, As últimas lúas oito, e A Piragua ten sete.
Á categoría de mellor texto orixinal optan tres obras: Boas noites (escrito por Paula Carballeira), A Piragua (de Cándido Pazó) e Emigrados (Anxos Sumai, Cándido Pazó, Sonia Torre, Suso de Toro e Xosé Manuel Pazos). En canto ao premio á mellor adaptación, os tres finalistas son A bombilla máxica (Avelino González e Olga F. Nogueira), As últimas lúas (Cándido Pazó) e Romeo e Xulieta (Eduardo Alonso).
Finalmente, nas interpretacións os candidatos a mellor actor protagonista son Ernesto Chao (As últimas lúas), Marcos Orsi e Víctor Mosqueira (ambos por Noite de Reis). Ao premio á mellor actriz optan Luisa Merelas (O Burgués Fidalgo), Rebeca Montero (Noite de Reis) e Susana Dans (A Piragua). En canto aos secundarios, nos homes competirán Artur Trillo (As últimas lúas), Manu Fernández (A bombilla máxica) e Xan Cejudo (Noite de Reis); e nas mulleres Mónica Camaño (Emigrados), Rosa Álvarez (As últimas lúas) e Susana Dans (Noite de Reis).
Neste ano no que se cumpren 30 anos do teatro profesional de Galicia, a AAAG quere facer especial fincapé na importancia dos oficios que rodean o feito escénico, e que traballan entre os panos para que o público poida gozar con cada un dos espectáculos. Na cerimonia de entrega dos premios Rubén García, alma da Mostra de Teatro de Ribadavia, recibirá o premio de honra Marisa Soto.