David Mascato, Alfredo Bea e Tono Campos encheron o podio en C-1 e Sonia Molanes e Teresa Portela terminaron segunda e terceira en K-1.
O clube de Tui, o Kayak Tudense, fixo bos os prognósticos e gañou con moita vantaxe o Campionato Estatal de Inverno de Piragüismo, que se disputou esta fin de semana en Sevilla, nas augas do río Guadalquivir. Terceiro, por detrás do Caja España Zamora, ficou outroclube galego, o Breogán Outón Xunqueiriña, polo que o podio quedou dominado polos palistas do país.
Ademais, entre os dez primeiros clasificados tamén se meteu outro equipo galego: As Torres Romaría Vikinga de Catoira, que foi sexto, de entre os 91 clubes que competían nas categorías de cadete, xuvenil e sénior.
Podios galegos en Sevilla
Moitos dos galegos conseguiron pisar o podio en Sevilla, coma David Mascato, que quedou primeiro en C-1, por diante xusto de Alfredo Bea, o seu compañeiro en C-2. Terceiro foi o seu compañeiro de equipo, do Club Breogán Outón Xunqueiriña, Tono Campos.
Sonia Molanes e Teresa Portela quedaron segunda e terceira respectivamente, nun podio de C-1 que foi para a asturiana María Isabel García, da Sociedad Deportiva Gauzón.
Nas categorías dos máis novos tamén destacaron os palistas galegos, Foi o caso de Tania Fernández, canoísta do Fluvial de Lugo, quen gañou en K-1 en categoría cadete. Na mesma categoría gañou Adrián Domínguez, do Breogán. Por detrás del, de terceiro tamén entrou outro galego, Francisco Cubelos.