Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
Valoracións da noite electoral

"Malas noticias para o Estado plural"

As análises na noite electoral de Carlos Taibo, Xosé Posada, Rebeca Baceiredo, Rafa Cuíña, Dani Álvarez, Eduardo Rego e Marcelino Fernández Mallo.

Redacción - 12:00 10/03/2008

José Posada salienta o feito de que ningún partido acadou a maioría absoluta, que dependerá dos nacionalistas. En calquera caso, a única opción factíbel é un pacto cos socialistas: "Os nacionalistas van facer pactos co PSOE, que é máis dialogante".

Para Carlos Taibo, a xornada electoral non deparou sorpresas, aínda que "os resultados non foron bos para os partidos nacionalistas, prexudicados polo 'voto útil'". No referente á valoración que fixeron "os medios da dereita ultramontana de Madrid", só acertaron en valorar "o recuamento dos partidos nacionalistas".

Rebeca Baceiredo detecta que parte da culpa da polarización entre dous partidos é dos medios de comunicación. Tamén amosa o seu desgusto pola baixada de IU: "Creo que o PSOE xa o pretendía". A colaboradora de Vieiros cre que "hai unha certa repetición na historia política do Estado", con ciclos de "consolidación e alternancia" dos partidos dominantes. No referente ao futuro do nacionalismo galego, afirma que "moita xente votou ao BNG en conciencia, para obter representación en Madrid, e creo que non se vai manter noutras eleccións".

Eduardo Rego resalta o feito de que "o PSOE terá que gobernar con pactos" e valora que o BNG se manteña"aínda nunha situación que durante a campaña estivo moi enfocada entre dous partidos políticos".

Pola súa banda, Marcelino Fernández Mallo avoga por unha reforma electoral "para que partidos como o BNG ou EU acaden a representación que merecen". "Non se pode depender dunha distribución provincial anacrónica", engade, e explica que o PNV, co 50% máis dos votos, acada un 300% máis de escanos.

Rafael Cuiña considera que o descenso constante de votos do PPdeG se debe ao "alonxamento do galeguismo", e confía en "que o volvan recuperar". "Ábrese un período moi interesante de cara ás eleccións do 2009", conclúe.

Dende Euskadi, Dani Álvarez láiase de que "aumentaron a representación o PSOE, o PP e Rosa Díez. É unha mala noticia para os que defendemos un modelo de estado plural". Tamén amosa a súa desconfianza polo feito de que "Zapatero dixo que quería pactar os grandes temas do estado co PP. Podería ser un desastre se racha coa España plural". No referente á vitoria dos socialistas en Euskadi, di que "os vascos reaccionaron votando por acadar a paz".


Escoite as opinións completas no Especial Xerais 08.


4,8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: