Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
Ao vivo dende a sede do PSdeG

Touriño: "O PSOE é sen dúbida o partido de referencia en Galiza"

Aínda hai que agardar polo resultado final, pero os socialistas galegos están ben contentos. Mesmo corre o champaña...

A. Rodríguez - 23:45 09/03/2008
Tags:
Touriño, na súa comparecencia

Touriño, na súa comparecencia

23h45: Touriño apareceu, entre aplausos e sorrisos dos membros do seu partido. Na sala tamén entraron os membros do goberno galego Xosé Luís Méndez Romeu, Dolores Villarino, Ismael Rego, Fernández Antonio e Fernando Salgado, entre outros.

Todo o mundo sabía que non ían deixar facer preguntas: "só declaración, coma sempre na noite electoral", dixo o xefe de prensa do PSdeG. Os xornalistas protestaron polo baixo: "Coma sempre? seguro?", dixeron; "pois a ver se di algo máis que 'gañamos as eleccións, boas noites e boa sorte', que eu teño que encher unha páxina enteira"...

Ao final daba para encher unha páxina, pero repetindo unha e outra vez as catro frases nas que se pode resumir a comparecencia do presidente do Goberno Galego: "Podemos constatar a madurez democrática á que chegou Galiza"; "O partido socialista conseguiu un porcentaxe de votos sen precendentes na nosa Comunidade Autónoma"; "O PP retrocede e o PSOE avanza. En catro anos reducimos a máis da metade a diferenza de 10 puntos co PPdeG, partido que retrocedeu un escano"; "con estes datos o PSOE de Galiza sae reforzado"...

Cando aparecen os últimos resultados após a comparecencia de Touriño, ao saberse que o PSOE subía máis un deputado (169 a 153 do PP), óense aplausos e berros do outro lado da parede, e despois un "blop!" feito polo corcho dunha botella de champaña...

23h00: Fala Zapatero para as televisións. Despois de interminábeis minutos dicindo "grazas, grazas", fala da alta participación e de "vitoria clara do partido socialista". Xusto despois desa frase óense os aplausos que saen do cuarto do lado, onde están reunidos os membros da executiva galega do PSOE. Despois de Zapatero é a quenda de Touriño, que ha falar para a prensa, facendo unha valoración dos resultados para Galiza.

22h30: Co 71 por cento dos votos totais xa escrutados, a tendencia é a suba do Partido Popular. "Estamos cada vez más cerca do bipartidismo total, e teñen cada vez menos distancia entre eles", comenta un xornalista cando aparecen os novos datos, referíndose ao reparto de escanos entre o PSOE e o PP. "Van bailando os deputados, non están quietos", di alguén. Os populares recurtan diferenzas: 44,4% para o PSOE; 39,7% para o PP.

22h02: Ninguén quere dicir nada que vaia alén das palabras de Ricardo Varela, até o de agora o único membro do PSdeG que compareceu ante a prensa. De vez en cando aparece algún membro da executiva do partido en Galiza, por entre a dos moitos xornalistas que sentan, uns ben achegados aos outros: case non hai espazo.

Isto é como os programas eses de fútbol que hai sobre esta hora os domingos, eses que van dando resultados minutos a minuto. Na pantalla enorme que puxeron na pequena sala de prensa vemos a Galega, onde, dándolle un ar de misterio, van dicindo... "O resultado é..." ou, "Agora mesmo está gañando o...".

Óense risos dende o cuarto do lado, a sala da organización, onde arestora están reunidos os militantes socialistas. Os compañeiros da prensa seguen a facer conxeturas (hai quen apostou unha cea a que Rosa Díez non entraba no Congreso... e perdeuna), mais tamén na prensa parecen todos encantados cos primeiros resultados. Cando saen no televisor membros do PP dicindo que aínda non está nada dito, e que todo pode variar aínda moito, a xente ri.

Estamos xa co 62 por cento dos votos escrutados. Ismael Rego entra na sala para falar coa cadea Ser. "O noso partido cada vez se parece máis aos galegos", comenta Rego, ao tempo que salienta que as eleccións "estanse poñendo moi difíciles para os partidos nacionalistas". "Estamos humildemente satisfeitos", termina.

21h25:
Ambiente contido, aínda que se escoita algún berro de fondo. Membros do PSOE únense aos xornalistas nos petiscos.

As primeiras declaracións do secretario de organizacion do PSdeG-PSOE, Ricardo Varela, amosan a satisfacción dos socialistas polas proxeccións que estabelecen as primeiras enquisas. Segundo Varela, confírmase que hai máis respaldo popular en Galiza, con aumentos en todas as provincias. Aínda que os datos non son definitivos, "estamos contentos".

Hai grande expectación con multitude de medios de comunicación na sede da compostelá rúa do Pino.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Chega Touriño entre aplausos
Chega Touriño entre aplausos
Fernando Salgado, Ricardo Varela, Fernández Antonio e Ismael Rego apláudenlle a Touriño
Fernando Salgado, Ricardo Varela, Fernández Antonio e Ismael Rego apláudenlle a Touriño
Touriño falando para a radio, á volta das 00h05 do 10 de marzo
Touriño falando para a radio, á volta das 00h05 do 10 de marzo
Ismael Rego, voceiro do PSdeG no Parlamento, fala para a radio
Ismael Rego, voceiro do PSdeG no Parlamento, fala para a radio
O secretario de organización do PSdeG, Ricardo Varela fala coa cadea Ser
O secretario de organización do PSdeG, Ricardo Varela fala coa cadea Ser
O ambiente na sala de prensa
O ambiente na sala de prensa