Os tres sindicatos labregos anuncian que farán fronte común para acadar unha modificación no sistema de elección dos prezos do leite.
Os membros dos sindicatos trala reunión
Os representantes de Xóvenes Agricultores, Sindicato Labrego Galego e Unións Agrarias anunciaron que as mobilizacións en contra da baixada do prezo do leite van continuar, sempre que non se chegue a un acordo coas industrias leiteiras. Aínda así, os sindicatos confían en que unha vez rematada a campaña electoral, Medio Rural convoque a empresas e produtores para chegar a un acordo bilateral.
A decisión das empresas de baixar en 6 céntimos o prezo do leite foi un "xerro de auga fría" para o sector leiteiro, que cada vez ten custes de produción máis caros. Segundo indicou Francisco Bello, dende Xóvenes Agricultores, "a situación é desesperada".
A campaña de protestas vai continuar, mentres que non se chegue a un acordo, e xa hai unha nova concentración programada para o vindeiro xoves 13 de marzo na central leiteira de Pontedeume de Leche Celta S.A. Mediante estas iniciativas, os tres sindicatos labregos pretenden conseguir que non continúe o descenso nos prezos, pero sobre todo un cambio nas formas de negociación coas empresas, e na toma de decisións que actualmente se fai de forma unilateral, así o indicaba o representante do SLG, Xabier Gómez, quen salientou que "buscamos dotar de estabilizade o prezo e queremos ter una estimación de prezo anual para saber canto vai gañar de soldo un produtor".
Obxectivos das protestas
As organizacións agrarias agardan que se celebre unha reunión coas empresas para aclarar cales van ser os prezos para 2008, determinando criterios de subida e de baixada e estabelecendo os meses do ano en que se van a dar esas fluctuacións. "Non falamos de 6 céntimos máis ou menos, senón que buscamos unha reforma no tipo de relación entre gandeiros e industria", indicou Roberto García (UU.AA).
O máis importante neste momento sería que as empresas tomasen as decisións de forma conxunta cos produtores, e non unilateralmente como se vén facendo. A pesar do descenso da materia prima e do incremento do consumo e dos custes de produción, a industria segue a diminuir os prezos para competir coas industrias foráneas no mercado estatal.
Mobilizacións en Puleva
As mostras de rexeitamento contra as decisións das empresas leiteiras comezaron o xoves coa concentración diante das instalacións de Puleva en Nadela (Lugo), segundo datos dos sindicatos. Foi unha denuncia contra as "accións dun conxunto de industrias que baixaron o prezo do leite de forma inxustificada", segundo indica Roberto García, de Unións Agrarias, e significa unha denuncia masiva por parte do cadro sindical, que segundo indicaron os tres representantes "vai permanecer unido até o final".
A previsión de asistencia desta concentración, que foi convocada con 48 horas de anticipación, era de tan só 400 ou 500 persoas, segundo datos Xabier Gómez (SLG), mais a éxito de participación acadado demostra a reivindicación de todo o sector para que as empresas cambien de actitude e teñan en conta as necesidades dos produtores que en moitos casos se ven obrigados a pechar as súas explotacións.