En resumo, ningunha novidade con respeito a un Plano Acuícola do que a Consellería de Pesca xa dixera que "non se ía mover". Neste senso, a proposta anunciada polo Sr. Elorriaga alén de insuficiente, é insultante e demagóxica: preténdese facer crer á sociedade que se está a negociar e a ter en conta as demandas dos colectivos afectados cando a realidade é que as instalacións cun impacto ambiental máis negativo e maior rexeitamento social non se moven (mesmo en Rede Natura como Quilmas e Lira, alén da monstruosidade da Laxe Brava, en Corrubedo). Como pode a Conselleira verder esta planificación como a máis ecolóxica cando segue a cementar o litoral con 3 milóns de m2 ou que é a máis beneficiosa socialmente cando nen se quera se dignou recibir e escoitar as demandas das máis de 6.000 persoas que nos manifestamos en Corrubedo? É evidente que en ningún momento houbo intención algunha de negociar o Plano Acuícola, como non fora cos representantes da patronal, para a que a Sra. Gallego actuou e está a actuar como axente comercial. Onde fica o dereito á participación da sociedade no deseño das políticas sectoriais, considerado pola UE como garante dunha planificación e desenvolvemento transparentes? Por iso, se non nos escoitan teremos que facer ouvir a nosa voz, por moito que ao Sr. Elorriaga lle parezamos un pequeno "grupo itinerante de alborotadores e violentos". Con estas afirmacións, estase a insultar a un amplo sector da cidadanía galega que demanda máis sensibilidade cos noso patrimonio natural e maior transparencia na súa xestión.
O Sr. Elorriaga e a Consellería de Pesca están moi errados se pretenden arranxar con estas ridículas medidas a desfeita dun Plano Acuícola insustentábel polos seus plantexamentos, non só pola ubicación desta ou daquela instalación. E como o que cuestionamos son os criterios que inspiran a totalidade deste Plano Sectorial, seguimos esixindo a súa retirada. Fronte á maquillaxe eleitoral que supón esta nova proposta de Pesca, ADEGA e os colectivos sociais contra o Plano Acuícola seguimos pulando pola retirada definitiva do conxunto do proxecto e a apertura dunha mesa de negociación con representación dos movementos sociais, patronal e administración.
Cómpre facer tamén mención á postura do PP, que pretende aparecer agora como máximo defensor do litoral asumindo as demandas das plataformas e dos ecoloxistas. Hai que ler a letra pequena: o PP propugna retornar ao seu Plano de Parques de Tecnoloxia Alimentaria (Touriñán, Rinlo e 11 macroplantas máis en Rede Natura), o que supón un proxecto aínda máis delirante e depredador que o insustentábel Plano Acuícola actual. Outro exemplo de desvergoña, demagoxia e populismo eleitoralista da pior calaña.