Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Susana Rey, creadora

"Ao audiovisual galego aínda lle queda moito camiño por andar"

A creadora de Cousas do Kulechov falou con Vieiros sobre a súa curta, na que xoga coa a flexibilidade da montaxe.

Lucía Iglesias - 18:15 05/03/2008

Xogando xa dende o título cos referentes cinematográficos, Susana Rey, axudada neste caso por Kulechov, fai arte desta montaxe. En Cousas do Kulechov, podemos ver a guerra en Galiza, as bateas ameazantes nas nosas costas, os ataques dos mariscadores na praia, os bombardeos aéreos dos avións da loita contraincendios ou as consecuencias sociais da loita, reflectido a través das imaxes das festas máis tradicionais do noso país. Montaxe como denuncia e como mostra do doado que resulta crear un engano, arte estético e conceptual condensado en tan só 21 minutos.

Cousas do Kulechov é unha reflexión sobre a capacidade dos medios de comunicación para influír na sociedade. Que nos queres dicir con esta montaxe?

Si, esa é a idea. Parte dunha foto das bateas nun momento no que hai un contraluz e na que parecen unha flota de barcos. A partir de aí, comezo a facer unha serie de asociacións, como os incendios cos bombardeos, os mariscadores cos ataques na praia, os petardos e fogos de artificio coas bombas... E se todo isto é así, con estas asociacións de imaxes e ideas, penso en que podería facer unha curta, e reflectir nela como a imaxe e o son poden manipular unha información ou crear algo que non existe na realidade. A partir de imaxes reais crear algo inventado, un falso documental.

Pero penso que non son os medios de comunicación os que manipulan a información, senón que son os grandes poderes os que máis se benefician desta capacidade de montaxe, especialmente para crear a maior das montaxes, que é a guerra.

A sociedade cre todo o que ve pola televisión?

Todo non. O nivel de formación da xente é cada vez maior. Dende a transición cada vez hai xente máis culta e dende a guerra de Iraq todos somos conscientes do que pasa durante as guerras, todos nos demos de conta de que se trata dun grande negocio. O que ocorre é que hai moita xente que, aínda que estea preparada, vese influída polas noticias que lle chegan, porque son os únicos datos que reciben. Coa proliferación da Internet é moito máis doado lanzar información, o problema é que esa información en moitos casos non chega ao público. Eu creo na intelixencia da xente, mais os cartos conseguen enganar.

Unha das imaxes que utilizas na túa montaxe son os incendios que asolaron Galiza en 2006, por que esta elección para representar unha guerra?

O que pretendía era utilizar a actualidade galega. As novas que se ían producindo cada día. Tamén escollín sucesos do pasado, como o afundimento dos petroleiros nas costas galegas, as festas do verán... Quería traspasar estes feitos e reconverter as imaxes noutra cousa, darlles outro significado. Coa elección da vaga de incendios para representar a guerra conseguín converter a aviación de extinción nun ataque aéreo, as casas ardendo, os escombros... todo representaba perfectamente a paisaxe dunha guerra.


O ataque á catedral en imaxes (Queima da fachada nas festas do Apóstolo)

Que é o que pretendes con esta curta, que obxectivos artísticos e que retos te propuxeches á hora de realizar o proxecto?

Foron tres os retos fundamentais aos que me enfrontei: en primeiro lugar, no eido conceptual, ao crear unha guerra dende imaxes de festa e de actualidade de Galiza. En segundo lugar estaría o plano estético, estaba o reto de utilizar imaxes e planos que semellasen os dunha guerra, e xa por último buscaba traballar coa guerra dende a ironía e a mentira, sen perder nunca de vista que o meu proxecto é un falso documental. O Kulechov é unha guerra de guerras, hai imaxes que recordan á Guerra Civil española, outras á II Guerra Mundial, á contenda de Iraq, ao Líbano...

Son consciente de que o tema era moi arriscado, o facer unha guerra a través de imaxes de festas e de actualidade, pero quería poñer aos galegos nunha situación de guerra, na que moitos non estivemos nunca, e recordar á sociedade que nalgún momento nos pode tocar a nós.

Na curta falas do galframio como causa pola que os invasores veñen a Galiza, que é para ti ese galframio que agochamos na nosa terra?

Pois ese é o farol máis grande que hai no documental. Cunha clara referencia sonora ao wolframio, que si existe nesta terra e que foi vendido aos nazis durante a II Guerra Mundial, quixen inventar un motivo para facer unha sátira. Sempre hai unha causa pola que comezan as guerras, en Iraq eran as armas de destrución masiva, noutras guerras son os diamantes, o petróleo ou calquera outro tipo de materiais, o que está claro é que detrás de todo conflito sempre hai algo económico, hai grandes intereses camuflados. Tamén quixen crear un argumento de tipo científico, este tipo de afirmacións danlle veracidade á historia, danlle peso á mentira.

Con Cousas do Kulechov acudiches a moitos festivais por todas partes do mundo, despois desta experiencia, en que punto cres que se atopa o audiovisual galego?

Eu traballei en moitos proxectos audiovisuais, na maioría das ocasións no departamento de arte, pero creo que ao audiovisual galego aínda lle queda moito camiño por andar. Hai unhas bases que xa están montadas, tamén contamos co apoio da Administración, e de iniciativas como a Axencia Audiovisual Galega (AAG), que posibilitan que xente coma min, sen empresa, fagamos cousas creativas que teñen recoñecemento. As subvencións están a crear unha canteira que dentro duns anos dará os seus froitos.

En todas partes hai xente creativa e con apoio si poderemos ter un audiovisual galego propio. Agora estamos nunha situación de tránsito, pero nun futuro iremos a máis.

Cres entón que as axudas da Xunta son suficientes?

Sempre se pode ir a mellor, e ultimamente estase facendo un esforzo. Na anterior lexislatura o tema da cultura estaba un pouco colgado. Eu penso que deberían facerse acordos entre as forzas políticas para evitar dar pasos atrás. Ten que haber un grande conxunto de apoios, pero de todos, tanto do público, creadores, como por suposto, da Administración.

A curta está feita en galego... Pór en valor o noso idioma ou acadar subvencións?

Pois por esas dúas cousas. Eu teño claro que en Galiza hai que valorar o noso idioma. Se estás no eido da cultura, ou no eido da información, hai que facer todo o posíbel por manter a nosa lingua. Atopámonos nunha situación de bilingüismo, e hai que elixir unha opción. Penso que de todo o que faga de cara a Galiza ten que ser en galego. En privado é outra cousa, cada quen pode falar o que queira, mais se das a cara pola túa cultura, tes que expresarte no idioma propio desa cultura. Hai que saber onde estamos, e se estamos en Galiza hai que fomentar a lingua galega, que é un grande eixo cultural.

Por outra parte, penso que é lóxico que a Administración galega lle conceda axudas aos proxectos feitos aquí. Para as iniciativas realizadas en español xa están as axudas que ofrece o ICAA dende Madrid. É obvio que unha curta galega e en galego ten que ser subvencionada polo noso Goberno.

Logo de Cousas do Kulechov fixeches xa outro proxecto. En Contrafilmes segues experimentando coa montaxe, vas continuar por este eido, que novos proxectos estás a preparar?

Pois non sei exactamente cal vai ser a miña evolución. Hai que deixar fluír a creatividade. De momento estou coa montaxe, porque é un campo moi interesante, mais se cadra dentro de catro días propóñenme outra cousa e cambio de actividade. Eu sempre bailei entre a pintura, a escultura e agora o vídeo, o importante e continuar, non me paro, se teño que cambiar de eido, cambio.


Cousas do Kulechov foi premiado e seleccionado internacionalmente en diversos festivais. Acadou o premio á mellor curta galega en Curtocircuíto'07, a mención de honra na XXXIV Xornada Internacional de Cinema da Bahía en Brasil; ou o premio do Público en On&Of, Festival Creativo de Curtas. Támén pasou polos festivais de cinema de Girona, Cans, Ourense, Navarra, así como o Fantasporto ou a IV Mostra Luso-Extremela, con moi boas críticas de público e xurado.


Máis imaxes da curta:


Armas recreadas con latas de conservas


Ruínas (desmantelamento industrial en Vigo)


Detonantes caseiros (pirotécnicos)


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: