Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CONCELLO DE FERROL

A parroquia de Esmelle, seleccionada para o certame de boas prácticas da ONU

É un dos candidatos que o Ministerio de Vivenda enviará a Dubai para competir con proxectos de organización do hábitat de todo o planeta.

Redacción - 12:00 05/03/2008

No ano 2003 un grupo de veciños da parroquia de Esmelle, no Concello de Ferrol, comezaron a traballar na recuperación de diversos elementos arquitectónicos do lugar: lavadoiros, fontes, 22 muíños, unha igrexa do século XVII, hórreos, un castro, cruceiros, mámoas, etc. O traballo desenvolvido até o momento, case sempre con achegas e traballo voluntario, acumula un orzamento de case cincuenta mil euros. O Proxecto Esmelle comezou a dar resultados visíbeis, aprezábeis na paisaxe da parroquia, que ve postos en valor algúns dos seus lugares máis significativos, e xa en 2005 recibiu un accésit do premio Agader ao embelecemento do medio rural, outorgado pola Consellaría de Vivenda.

Agora a parroquia aspira ao recoñecemento das Nacións Unidas, a través dos seus premios ás boas prácticas, que se entregarán en outubro en Dubai (Emiratos Árabes Unidos). Dende 1996 esta cidade organiza cada dous anos este certame, que xa premiou ao traballo de rehabilitación da zona vella de Compostela, ou á rede de cooperación solidaria da Coruña. O Secretariado do Grupo de Boas Prácticas do Comité Hábitat Español seleccionou un total de 30 proxectos de todo o Estado, entre os 70 presentados. O proxecrto ferrolán compite na categoría de Desenvolvemento territorial e urbano sostíbel e terá que competir con outras oito propostas españolas. Porén, o Proxecto Esmelle é o único que presenta iniciativas dirixidas exclusivamente ao medio rural.

Traballo veciñal e voluntario
Quizais o máis interesante do proxecto é o xeito en que os veciños da parroquia concienciáronse da necesidade de recuperar o lugar, e que posibilitou a mobilización e a dinamización social: xuntanzas veciñais, sinalizacións, encontros, xornadas de limpeza voluntaria, romarías castrexas e diversos estudos das actuacións programadas.

Grazas ao traballo voluntario dos veciños o Muíño da Lavandeira, a Fonte da Evarista, o Muíño das Salgueiras ou o Muíño do Ferreiro pasaron de ser ruínas a estar de novo en pé e funcionando, facendo da parroquia de Esmelle un exemplo de boas prácticas ambientais e paixasísticas.


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Traballo de recuperación realizado polos veciños nun muíño
Traballo de recuperación realizado polos veciños nun muíño
Outros lugares da parroquia de Esmelle: Igrexa de San Xoán e a praia
Outros lugares da parroquia de Esmelle: Igrexa de San Xoán e a praia