Segundo varios estudos na rede, un reparto proporcional de escanos ou unha circunscrición única beneficiarían maiormente a IU. O BNG subiría un escano cos datos do 2004.
Resultados segundo o estudo de M. Fontenla
Dende algunhas formacións políticas tense afirmado que modificar a lei electoral española e substituíla por un sistema proporcional reduciría a influencia dos partidos nacionalistas. Porén, segundo o estudo de Manuel Fontenla, a meirande parte das formacións nacionalistas mellorarían os seus resultados con este cambio, que prexudicaría principalmente os dous "grandes", o PP e o PSOE e favorecería espectacularmente a IU.
A extrapolación dos datos das pasadas eleccións xerais, tendo en conta os resultados dos partidos con presenza no Congreso, deixaría o PSOE e o PP con sete e nove escanos menos, respectivamente. IU sería a segunda forza, con 18, trece máis ca os que ten na actualidade. Tamén aumentarían a súa representación CiU (dous máis, até 12), ERC (un máis, con 9) e o BNG, que pasaría a ter tres representantes na cámara baixa española.
Só sairía perdendo o PNV, que quedaría con seis escanos. Tanto Coalición Canaria, como a Chunta Aragonesista, Eusko Alkartasuna e Nafarroa Bai ficarían como están.
Crear unha circunscrición única para todo o Estado Español daría uns resultados moi semellantes, como se reflicte no blog de Pingarates.