Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
ESTRATEXIA NAS MENSAXES

A campaña chega ao seu ecuador coa economía como tema estrela

Os líderes dos tres principais partidos usan diferentes discursos para defenderen os seus programas.

Redacción / EP - 19:40 29/02/2008

A campaña electoral chega ao seu ecuador coa economía como protagonista. Así, polo PPdeG, Alberto Núñez Feijoo arremete contra a política económica do goberno español e amósase favorábel á reedición do Plan Galiza. Pola súa banda, Emilio Pérez Touriño, do PSdeG, defende a actuación de "San Pedro Solbes", mentres Anxo Quintana, polo BNG, salienta a relevancia do sector produtivo do país.

Os populares culpan o PSOE de causar a crise económica que se respira no Estado, e afirman que só o PP "pode solucionala". Medidas como rebaixar os impostos e subir as pensións son dúas das promesas que máis repetiu Feijoo na primeira metade da campaña. O líder do PPdeG tamén amosa o seu desprezo polo papel do BNG dicindo que "ten máis deputados galegos o PP no Congreso que o BNG en todo o Parlamento de Galicia". O líder da oposición no país dedica as mañás a presentar as ideas do PP por áreas temáticas e as tardes a enviar unha mensaxe máis política. Tamén acusa a Xunta de "romper o consenso lingüístico", e destaca as diferenzas entre os socios do bipartito.

Polo PSdeG, Emilio Pérez Touriño practicamente non mencionou a Núñez Feijoo na primeira semana de campaña e centrou as críticas no candidato do PP á presidencia do goberno español: Mariano Rajoy. Ademais de poñer en dúbida a galeguidade de Rajoy, lembroulle que fora parte do executivo estatal durante o 'Prestige' e a guerra de Iraq e quitoulle creto ás súas propostas sobre inmigración e economía. Touriño só falou de Feijoo cando dixo que descubrira a vaca cando visitou unha explotación láctea. Tamén tachou de "frikis do cuarto escuro de Génova" a Aznar, Acebes e Zaplana. Os socialistas destacaron a boa marcha da economía grazas ao goberno do PSOE e o avance en políticas sociais. Tamén insistiron na necesidade de mobilizar o voto o 9 de marzo porque "ficar na casa é votar a Rajoy".

Anxo Quintana, voceiro nacional do BNG, centrou o seu discurso en que Galiza ten que ter capacidade para decidir na política estatal. Así, afirma que só a través do Bloque se pode chegar a acadar esa influencia e que é a única forza que mantén as mesmas posicións no país ca en Madrid. Aínda que fai responsábel tanto o PSOE como o PP de discriminar a Galiza, dirixiu a meirande parte dos seus ataques aos populares. Acusou a Rajoy de "faltarlle ao respecto" ao país para gañar votos noutras partes do Estado con cuestións como garantir o ensino do castelán. Tamén amosou un paralelismo entre a formación frontista e o aspirante demócrata ao goberno dos EUA Barack Obama. Para simbolizar a autoestima dos galegos para se faceren valer no Estado, lembrou o movemento social xurdido da catástrofe do 'Prestige'.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: