Será o primeiro no que todas as decisións sexan tomadas polo novo equipo, dirixido por Enrique Nicanor e que comezou a traballar en setembro.
A edición do 2007 tivo como lema "reinventando un festival". O novo equipo, liderado por Enrique Nicanor, comezara a traballar en setembro, coa organización xa en marcha, e non tivo tempo para poñer as súas ideas en marcha. A edición de 2008 chegará con cambios. O primeiro, e máis chamativo, o de datas. O Festival de Cine de Ourense deixará de coincidir co Cineuropa compostelán, e celebrarase entre o 11 e o 18 de outubro.
Ademais, aumentará o seu orzamento, que superará os 180 mil euros, aumentando un cincuenta por cento con respecto ao pasado ano. Así mesmo, créanse novas categorías: mellor guión en longametraxes, mellor documental, mellor película de animación e mellor filme en novos formatos. O concelleiro de Cultura de Ourense, Alexandre Sánchez Vidal, salientou que o obxectivo é "internacionalizar o festival e acadar unha ampliación máis ambiciosa, para que sexa parte da cultura galega e se convirta no motor da industria do cine en Ourense e Galicia".