Será entre marzo e maio, en tres xornadas. Os clubes de terceira non están contentos pola súa exclusión. Só van, desta división, o Coruxo e o Negreira.
Xa se está organizando todo para a Copa Galicia 2008, a que os anos pasados se denominaba Copa Xunta. Desenvolverase en tres xornadas, e as datas previstas son o 19 de marzo para os cuartos de final; o 16 de abril para as semifinais; e o 1 de maio a final. Son datas algo complicadas para os oito clubes que han participar (Dépor, Celta, Racing, Pontevedra, Lugo, Ourense, Negreira e Coruxo), porque coincide coas finais das súas respectivas ligas, nos que se deciden os seus futuros na competición.
Aínda que os equipos van recibir unha compensación económica por participar, moitos deles van ter que acudir con suplentes ou xogadores dos filiais, para non cansar aos máis importantes na recta final da liga.
Os de Terceira séntense excluídos
Ademais, esta mesma semana os equipos da terceira división protestaron, a través dun escrito que lles remitiu a Asociación Galega de Fútbol aos organizadores. Estes equipos consideran que foron deixados un chisco de lado, posto que só o Coruxo e o Negreira foron incluídos na listaxe de clubes que van xogar a Copa.
A anterior edición da Copa, na que xogaron os mellores equipos galegos de 2007, gañouna o Celta, que venceu ao Lugo na final.