Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Datos enviados á CNMV

Unión Fenosa obtivo un 55,2% máis de beneficio en 2007, 986 millóns

A compañía conta con 9 mil millóns para investir, o 62% na Península Ibérica. Segundo o Jornal de Negócios, quere entrar no mercado do gas portugués.

Redacción - 13:15 27/02/2008
O presidente de Unión Fenosa, Pedro López Jiménez

O presidente de Unión Fenosa, Pedro López Jiménez

Unión Fenosa obtivo un beneficio neto de 986 millóns de euros en 2007, un 55,2% máis que no exercicio anterior, segundo anunciou esta cuarta feira a compañía nunha nota remitida á Comisión do Mercado de Valores (CNMV).

Este resultado inclúe as plusvalías derivadas do acordo de integración en Indra dos negocios de consultoría, tecnoloxías da información e servizos de enxeñería de Soluziona, así como os ingresos procedentes da venda do 25% de Applus e do 2% de Rede Eléctrica de España. Sen estas operacións, os resultados seguirían a ser moi positivos para a compañía: 717 millóns, un 12,9% máis que en 2006.

Os ingresos alcanzaron os 6.011 millóns, un 0,8% menos que no exercicio anterior, e o beneficio bruto de explotación (Ebitda) situouse en 2.062 millóns, o que supón un incremento do 8,1%. O exercicio estivo marcado por un crecemento moderado da demanda no Estado (2,7%), e alto fóra deste (6,5%).

A actividade de xeración de Unión Fenosa aumentou un 6,9%, fronte ao 7,5% da distribución e ao 24% do gas. Durante 2007, o grupo presidido por Pedro López Jiménez incorporou 1.200 megavatios (MW) de ciclos combinados e outros 133 MW de enerxías renovábeis.

Bolsa de investimentos de 9.000 millóns
A compañía prevé manter as liñas estratéxicas trazadas deica 2011: duplicar o beneficio por acción (até os catro euros), e dispor dunha capacidade de investimento de 9.000 millóns. O 37% destes cartos destinaranse ao estranxeiro, e o 62% á Península Ibérica.

Neste senso, o Jornal de Negócios informa do interese de Unión Fenosa por entrar no mercado do gas de Portugal: "Despois de asociarse cos italianos de Enel para tentar entrar, sen éxito, no negocio das renovábeis en Portugal, Union Fenosa vai agora dar corpo á alianza que xa ten en España cos tamén italianos de ENI, para comezar a comercializar gas no mercado nacional".


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: