O libro foi confeccionado por un equipo de profesores e investigadores dirixido por Sabela Labraña, da Universitat de Barcelona.
Este manual elaborouse no seo do Proxecto Galauda, responsábel do ensino do galego na secundaria catalá. O proxecto naceu a mediados dos noventa na Universitat de Barcelona e contou coa contribución das administracións catalá e galega, asinantes dun convenio de colaboración en 1999. Vencello constituíu en orixe o material base do ensino do galego nos institutos de secundaria cataláns, mais logo tamén foi empregado noutros niveis educativos cun bo rendemento didáctico: bacharelato, Cursos de Extensión Cultural, Celga 1, galego para estranxeiros, etc.
Preséntase agora en Ourense a segunda edición, que constitúe unha revisión a fondo da primeira e que vai acompañada agora dun solucionario e dun CD coas gravacións dos diálogos e dos textos de literatura. A reforma da normativa do galego no 2003 facía necesaria a revisión lingüística dos textos elaborados na norma anterior e quíxose aproveitar a ocasión para introducir cambios que se consideraron axeitados. Malia estes trocos, mantense a estrutura xeral do libro e o seu espírito orixinal de vontade intercultural e de diálogo, como se explicita no título do libro.
Participarán neste primeiro acto de presentación da reedición do libro tanto a directora do mesmo, Sabela Labraña, da Universitat de Barcelona, como o seu coordinador, Valerià Paül, do Institut d'Estudis Territorials e do Máster de Turismo de Ourense. Intervirán tamén Marcos Valcárcel, escritor e historiador, e mais Iván Area, Vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo. Alén da presentación, comentarase o curso das experiencias de introdución do galego nos IES cataláns.
Presentación de Vencello: Lingua e cultura galegas para estudantes de fóra de Galicia : Ensino secundario e adultos. Editorial Galerada, 2007.
Xoves 28 de febreiro, 20 h
Livraria Torga
Rúa da Paz, 12 | Ourense