Trátase dun documentario filmado en 1980 por Raymond Depardon e Sophie Ristelhueber nun hospital psiquiátrico de Venecia.
En 1980, Raymond Depardon e Sophie Ristelhueber adentraronse no vello hospital psiquiátrico da illa de San Clemente, perto de Venecia. Chamada "a illa dos tolos", e albiscada desde a Praza de San Marcos, atopábase daquela nos seus últimos días. O documentario, rodado ao tempo que na cidade se celebra o entroido, realiza un retrato dos pacientes, familiares e persoal do hospital mentres vai derrubándose un mundo de terapia que acabaría co fechamento definitivo do centro.
Depardon xa realizara no centro unha reportaxe fotográfica que o levara a desexar volver cunha cámara. Aínda que nos seus comezos estivera máis centrado no mundo da fotografía, chegando a ser un dos fundadores da Axencia Gamma, Raymond Depardon foi centrándose progresivamente na realización de documentarios fílmicos, que nun principio acompañaban a produción das súas reportaxes fotográficas. O seu estilo, marcado pola liña da escola fotográfica de Robert Frank, co afán por retratar os tempos mortos, foi pasando gradualmente do interese polos movementos de cámara a unha volta á imaxe fixa.
Con este filme, o Cineclube de Compostela pecha o ciclo dedicado ás institucións mentais, e que ao longo do mes de febreiro repasou títulos como Corredor de Choque, Monos coma Becky ou Titicut Follies. O filme comezará ás dez da noite no Centro Social A Gentalha do Pichel (Santa Clara, 21)