A asociación afirma que a "extrema dereita" promove derrogar a Lei de Normalización Lingüística.
A Associaçom Galega da Língua (AGAL) denuncia a "completa subversión da realidade" por parte de grupos como Galicia Bilingüe ou a Mesa por la Libertad Lingüística, "ligados á extrema dereita", que pretenden completar o proceso de desgaleguización e substitución lingüística. Despois de 25 anos de Lei de Normalización Lingüística, aprobada por unanimidade polo Parlamento, a AGAL constata que o galego segue case ausente e inferiorizada en moitos ámbitos da vida social, como a xustiza, a banca, o cinema, a prensa, o mundo empresarial e mesmo o ensino.
E, a pesar da situación da nosa lingua, xorden, "aproveitando o período electoral", unhas campañas que promoven a derrogación da Lei de Normalización pola suposta "imposición" do galego e a exclusión do castelán. No seu comunicado, o Consello da AGAL afirma que "falar da imposición en Galiza do seu idioma propio é como falar da imposición en Castela do castelán: un completo absurdo". E, como "está en xogo a sobrevivencia da nosa propia lingua", a AGAL afirma que seguirá a traballar pola plena normalización do galego-portugués e denunciando os ataques á lingua.