O pavillón de Galiza recibiu o premio ao mellor espazo dun país estranxeiro.
Galiza regresou a América, puxo un pé en Cuba que lle servirá para abrir camiño en todo o continente. Este domingo pechouse a Feira Internacional do Libro da Habana, na que a cultura galega, como país convidado, foi máis protagonista ca nunca. A presenza galega na feira, referencia para toda Iberoamericana, é un investimento imprescindíbel para consolidar a súa presenza noutros eventos, como a Feira do Libro de Bós Aires ou a de Guadalaxara, na que Galiza aspira a ser o país convidado en 2011.
O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, participou no acto de clausura da feira xunto a director do Instituto do Libro cubano, Iroel Sánchez, subliñando a "presenza orgullosa de Galiza na Habana" como unha grande oportunidade para "abrir a nosa cultura ao mundo". Neste multitudinario acto de clausura Iroel Sánchez explicou que foron "máis de 500.000 persoas as que asistiron aos diferentes espazos e actividades da feira, e o domingo espérase que sexan moitas as que se acheguen", e adiantou que as vendas chegaran xa aos 1.200.000 exemplares de libros.
Por outra banda, Luis Bará, aproveitou a súa intervención para destacar "a aposta decidida do goberno galego pola cultura e a súa proxección internacional", asegurando que este non é máis que o comezo da viaxe de volta da cultura galega a Latinoamérica. Galiza traspasoulle a Chile a consideración de país convidado, de cara á edición da feira de 2009. Ademais, o expositor da Consellaría de Cultura recibiu o premio ao mellor stand estranxeiro "polo seu exquisito deseño e por ofrecer un verdadeiro mosaico á altura da súa idiosincrasía".
800 persoas para escoitar a Milanés cantándolle a Rosalía
O espectáculo ‘Rosalía XXI' que se estreou onte no Teatro Mella congregou a máis de 800 persoas. O Abe Rábade Quartet ofreceu dez temas compostos exclusivamente para a ocasión que musicalizaban os poemas da escritora galega xunto a un espectáculo audiovisual e a voz de Guadi Galego. O público tamén puido desfrutar da actuación de Pablo Milanés que interpretou un poema de Curros Enríquez dedicado a Rosalía.