Un comandante e un tenente envían cartas a un xornal coruñés para mostrarlle apoio ao seu superior.
A semana pasada sóubose que o comandante militar da Coruña e Lugo, o coronel Lorenzo Fernández Navarro de los Paños y Álvarez de Miranda, está arrestado por ter elaborado un informe interno no que criticaba abertamente a Lei da Memoria Histórica. A vicepresidencia do goberno español, Teresa Fernández de la Vega, aseguraba o pasado venres que os casos de indisciplina no exército eran “aillados”. Como exemplo de man firme, dende o executivo lembraban que se tiña expedientado aos xenerais José Mena e Blas Piñar (fillo do histórico dirixente da ultradereita española) por ter criticado decisións políticas.
Porén, catro días despois das palabras de Fernández de la Vega, o diario La Opinión de A Coruña publica as cartas de dous oficiais do exército que expresan abertamente a súa solidariedade co seu superior sancionado. Un comandante de infantería, José Luís Núñez Torreiro, e un tenente do mesmo corpo militar, José Luis Núñez Astariz, critican no diario o feito de que o arresto teña saído á luz pública e incluso un dos oficiais, Núñez Torreiro, aproveita para bourar na Lei de Memoria Histórica.