Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Mobilización convocada pola CIG

Quen se acorda dos traballadores en tempo electoral? Marcha a prol de "salarios dignos"

Milleiros de persoas saen á rúa para "denunciar socialmente" a perda de capacidade adquisitiva dos traballadores.

Redacción - 16:45 21/02/2008
Tags:

A convicción de que o Índice de Prezos do Consumo, o IPC, "non mide debidamente os efectos da inflación nas economías máis modestas da clase traballadora" é un dos argumentos que desde a Confederación Intersindical Galega, CIG, recordan este xoves ao fío da reivindicación que levaron ás rúas da capital do país.

O incremento do 18,1% no prezo de lácteos queixo e ovos, a suba de pan e cereais en até un 10,6%, a media do 6,6% na que medraron en conxunto todos os alimentos... Son exemplo de cifras que demostran o impacto que no último ano sufriron os petos dos traballadores. Máis aínda, o feito de que por exemplo a vivenda non forme parte dese índice, cun incremento medio do 15%, é mostra segundo a CIG de como as administracións "manipulan este índice para que a inflación sexa menor e deste xeito as subas de salarios, das pensións e das prestacións públicas sexan tamén menores".

Fronte a esa situación, a CIG convocou a manifestación deste xoves co obxectivo de mobilizar a sociedade contra esa "perda de capacidade adquisitiva". Entre os motivos cos que desde esta formación sindical explican o retroceso nas rendas dos traballadores está "o Pacto de Contención Salarial que dende o ano 2002 asinan en Madrid os Sindicatos UGT e CCOO cos empresarios". Recordan desde a CIG que con este pacto, os sindicatos apandan con que os convenios colectivos restrinxan os incrementos a porcentaxes sempre por baixo da inflación. Así por exemplo, en 2007, os prezos subiron máis do dobre do que se incrementaron os salarios.


4,88/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: