Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
'TERRAS DE ACOLÁ'

A TVG e a RTP achéganse coa emisión dunha serie galega en Portugal

As dúas canles anunciaron a próxima sinatura dun convenio de colaboración en materia de arquivos e de coproducións.

Redacción - 11:20 21/02/2008
Logotipo da RTP

Logotipo da RTP

A Televisión de Galicia (TVG) e a Rádio Televisão Portuguesa (RTP) anunciaron que teñen previsto asinar un convenio de colaboración en materia de coprodución e de intercambio de fondos de arquivo. Despois da organización conxunta da gala de homenaxe a Zeca Afonso, que se emitiu o pasado 25 de abril, agora a serie documental galega Terras de acolá chegará ás pantallas portuguesas.

A presentación da serie, que tivo lugar en Lisboa, serviulle ao director xeral da CRTVG, Benigno Sánchez, para anunciar que despois das eleccións xerais vaise desenvolver unha reunión entre as dúas canles públicas para "estabelecer un convenio de colaboración" porque dispoñen de "moitos fondos documentais que poden interesar reciprocamente". Tamén confiou en que se poida chegar a estimular a coprodución entre as dúas televisións porque son "dous países que teñen moito que ver".

Porén, non foi optimista en que se chegue a coproducir ficción, "que ten unha característica especial en Galiza, que a que funciona é moi local". Mentres, o director de programación da RTP, José Pedroso, dixo que "compartir contidos é un camiño importante para as dúas televisións".

A serie Terras de acolá, dirixida por Luís Menéndez e coproducida pola TVG e a produtora Faro, fai un percorrido polos países de fala portuguesa. Consta de 13 capítulos e continúa na liña dos documentais anteriores do mesmo autor, Terras de Merlín e Terras do Leste. Será emitida a partir de marzo na RTP1, RTP África e RTP Internacional.


4,92/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: