Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONFLITO POLÍTICO

Unha proposición contra o canon dixital causa unha lea no Parlamento

O PPdeG recorrerá perante o Tribunal Constitucional a decisión da presidenta da cámara de retirar da votación unha emenda do BNG que fora aceptada polos 'populares'.

Redacción - 17:36 20/02/2008

O Parlamento viviu este mércores momentos de tensión a conta dunha proposición non de lei contra o canon dixital que presentou o PPdeG. Tanto o PSdeG como o BNG presentaron cadansúa emenda. O autor do texto orixinal, Ignacio López Chaves, decidiu aceptar a achega nacionalista, e aí comezaron os problemas.

Xosé Ramón Paz Antón, do BNG, pediu a retirada da proposta, para evitar votar cos populares e contra os socialistas, afirmando que o que buscaba era acadar a unanimidade das tres forzas. Entón, o voceiro do PPdeG, Manuel Ruíz Rivas, solicitou que se votase o seu texto coa emenda do BNG, amparándose no artigo 162.1 do Regulamento da Cámara.

A presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, lembrou que ela era a encargada de interpretar a norma, polo que someteu a votación o texto orixinal do PP, que foi rexeitado co voto dos socios de Goberno. Os parlamentarios populares non votaron e comezaron a berrar "tongo, tongo".

No medio do ambiente de tensión, o deputado do PPdeG Miguel Santalices tentou ler o artigo 162.1 na tribuna, mais Villarino impediullo. Despois de cinco minutos de descanso, puido efectuar esa lectura. En consecuencia, o Grupo Popular anunciou que recorrerá perante o Tribunal Constitucional a suposta vulneración de dous dereitos dos seus deputados por parte da presidenta do Parlamento. Ruíz Rivas cualificou a Villarino de "brazo executor" de Zapatero para "tensionar" a campaña electoral e denunciou a suposta "discriminación" do seu grupo.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: