'RosalíaXXI' chegará ás tendas en marzo, recreando os textos da poeta en clave de jazz, pero soará primeiro na Habana o sábado 23 coa presenza de Pablo Milanés.
O sábado 23 Rosalía de Castro entrará no Teatro Mella da Habana, da man dun padriño de luxo, Pablo Milanés. Alí, un auditorio repleto escoitará os seus poemas en clave de jazz, comezando por Tembra un neno, poema incluído en Follas Novas, o primeiro tema que se dá a coñecer. O proxecto nace no maxín de Abe Rábade (piano e composición), e nel tamén participan o poeta Anxo Angueira (voz recitada), Guadi Galego (voz), Jesús Santandreu (saxo tenor), Nelson Cascais (contrabaixo) e Bruno Pedroso (batería). O álbum Rosalía XXI estará á venda o 11 de marzo.
No concerto tamén participará Pablo Milanés e outros artistas cubanos, que realizarán deste xeito unha homenaxe á poeta, moi popular na illa, e a toda a colectividade galega. Ao mesmo tempo, proxectaranse pezas audiovisuais que contextualizan a figura de Rosalía.
Tembra un neno