Os manifestantes concentráronse diante dos locais da policía en Compostela. Para este sábado está convocada unha nova protesta.
Ao redor de trescentos estudantes responderon ao chamamento que o venres ao mediodía fixeran varias organizacións para protestar polas detencións de Serxio Piñeiro e Iago Barros. A concentración partiu da praza de Cervantes e encamiñouse ás dependencias da policía nacional en Compostela, onde se despregaron dúas faixas nas que se podía ler "non á criminalización do estudantado" e "stop represión contra o estudantado". Tamén repetiron berros pedindo a liberdade dos detidos, e criticando a actuación policial e do reitorado da USC. A presenza dos medios de comunicación era moi numerosa, con media ducia de cámaras de televisión que gravaron a manifestación ao completo.
Tamén eran numerosos os efectivos dos antidisturbios, que aos cinco minutos de iniciarse a concentración pacífica diante da policía pedíronlles aos estudantes que deixasen libre a beirarrúa. Ante a negativa dos concentrados as forzas policiais iniciaron uns minutos de tensión, con empurróns e algún amago de carga. Finalmente, os estudantes disolvéronse en silencio e de xeito voluntario.
Fontes de Primenira Linha desmentiron que os dous detidos foran conducidos a Madrid, á Audiencia Nacional, como se estivo rumoreando na noite no venres. Así mesmo, convocouse para este sábado unha nova concentración para pedir a liberación de Serxio Piñeiro e Iago Barros.