A banda viguesa está a presentar en todo o Estado o seu primeiro álbum: 'Upskirts', co que poden converterse no grupo revelación do ano.
Gañaron o Maketon 2006, actuaron no Festival do Norte de Vilagarcía, foron convidados a Paredes de Coura, e en setembro recibiron o premio ao mellor grupo powerpop do Estado. Todo isto antes de ter gravado un álbum. Pois ben, o álbum está aquí. Había expectación, e non foi defraudada. Trátase de rock, en linguaxe universal e bailábel. Ritmos sexys e alegres, descarados, como o retrouso que abre o álbum e que constitúe toda unha declaración de intencións: "Find me and satisfy me" (Sin City Lies). Influencias nítidas pero variadas: algunhas veces (Dawn 80's Hooker ou Girls In Leather) máis próximas ao Nova York dos Strokes e á New Wave ou aos mesmos Libertines en Clint Eastwood; outras veces vémolos paseando polas rúas de Glasgow con Kapranos e os seus (107 dB, Two Minutes...); en Disco son máis !!!; e a voz de Roy ten en What's happening ou Missing you un regusto ao Paul Banks de Interpol, e mesmo a Stone Roses e Cat People.
The Blows van na súa furgoneta pola AP9 en dirección á Coruña, onde actúan na Mardi Grass. Teñen menos de 25 anos e están cumprindo o seu soño de vivir da música. Antes dedicábanse á fotografía, pinchaban nalgún pub, estudaban filoloxía inglesa... 2008 pode ser o seu ano. Da man da discográfica Pupilo van tocar e soar en todo o Estado, e pode que Upskirts, o seu primeiro disco se converta no álbum revelación do ano.
Por onde andades agora?
Pois creo que á altura de Ordes.
É certo que vos coñecestes no concerto de Franz Ferdinand en Vigo, ou iso forma parte da mítica do rock?
Non foi así, exactamente; o grupo xa nacera uns meses antes, hai agora dous anos exactamente. O que si é certo é que estivemos con Kapranos, intercambiamos música e dixo que lle gustaba o que faciamos. Pero si que a Álex o baixista coñecémolo nun concerto, no de Mando Diao na Coruña.
E como entrastes en contacto con Pupilo, a vosa discográfica?
As cousas con Pupilo foron moi rápidas. No concerto que deron en Vigo Pet Shop Boys e Cat People (que xa estaban na discográfica) atopámonos con Ángel Ortiz, un dos dirixentes da compañía. Ben, en realidade atopámonos con el despois do concerto, nun bar. Amosámoslle a maqueta que tiñamos, e dixo que quería contar con nós.
O produtor do disco foi Cristian Vogel, que traballou con Radiohead ou Maxïmo Park, pero vos rexeitastes varias das súas mesturas. Sodes esixentes?
Esixentes, non, o que sucedeu é que nós tiñamos as ideas moi claras. Christian Vogel é un gran produtor, pero ten un estilo máis próximo á electrónica, e nós queriamos facer un disco máis clásico, con guitarra, baixo e batería. En realidade ao final resultou unha coprodución.
Facedes un disco de new wave nun momento no que dá a impresión de que a new wave comeza a esgotar e repetir as súas fórmulas e así e todo conseguides que soa fresco e orixinal...
O disco pode ter cousas dos Strokes ou doutros grupos, porque en realidade nós temos a mesma cultura musical que eles, crecimos escoitando a bandas dos setenta igual que eles. Pero o disco é moi noso, expresa o que levamos dentro e é moi variado, ten un estilo propio. Por exemplo, en directo facemos unha versión dos Stooges, pero máis discotequeira. A canción é a mesma, pero facémola nosa.
Strokes ou Franz Ferdinand?
Pois quedo con XTC (risas). Non, gústanme os dous, se teño que quedar con un quedo co Is this it, o primeiro dos Strokes. Pero tamén gusto moito de Franz Ferdinand, o baile que teñen engánchame moito.
Con quen vos gustaría compartir escenario?
Con Garbage, porque din que a cantante (Shirley Manson) non leva bragas nos concertos (risas)
Como valorades a saúde da escena musical en Vigo nestes momentos?
O bo de Vigo é que evoluciona constantemente, agora está un pelín parado, pero hai moitos estilos distintos e moitos grupos. De música independente, new wave, hai grupos, pero o que pasa é que a escena new wave de Vigo é máis a xente que a escoita, a xente que baila nos bares, que os propios grupos.
E en Galiza, que grupos vos gustan?
Quédome con Triángulo, e con Franc3s. E con Meu, tamén. Mira, é falar de Meu e Triángulo e xusto estamos entrando na Coruña agora mesmo.