O US 193 deixou de funcionar ao pouco tempo do seu lanzamento, en decembro de 2006, e caerá á terra a comezos de marzo.
O satélite US 193 / John Locker
O exército estadounidense xa ten un plan para o satélite espía avariado que caerá á terra a comezos de marzo. Segundo informaron uns oficiais, que non quixeron facer pública a súa identidade, a opción preferida pola administración Bush será lanzar un mísil dende un cruceiro da Armada dos EUA e derrubar o satélite antes de que entre na atmosfera.
Para acadar o obxectivo, preténdese empregar un proxectil especialmente modificado. A medida pode provocar controversia, pois xa o ano pasado a China fixo unha proba anti-satélites disparándolle a un dispositivo meteorolóxico fóra de servizo. Outros posíbeis problemas son a ferralla que vai xerar a explosión e o feito de escoller o momento e o lugar correctos para evitar danos noutros satélites.
Un dos oficiais tamén confirmou que, efectivamente, o satélite afectado é o US 193, posto en órbita en decembro de 2006 e que ao pouco tempo quedou fóra de control por un fallo no seu ordenador. O trebello leva un sofisticado e secreto sensor de imaxes, e os seus propulsores conteñen como combustíbel a moi tóxica hidracina.