Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Rusia lanza advertencia

O primeiro ministro de Cosova anunciará a data da independencia este venres

Vladimir Putin: "En España, a xente tampouco quere vivir nun só Estado".

Redacción - 12:35 15/02/2008

De acordo con medios de prensa locais, que citan fontes gobernamentais, o primeiro ministro de Cosova, Hashim Thaçi, ten a intención de declarar este domingo a soberanía da actual provincia de Serbia. Este venres convocou os medios de comunicación nacionais e internacionais e podería dar a data definitiva.

O goberno serbio, pola súa banda, acordou a anulación anticipada da referida acción separatista de Pristina, que considera unha violación do dereito internacional e do estabelecido na resolución 1.244 do Consello de Seguridade da ONU.

As repúblicas ex iugoslavas de Croacia e Macedonia, ao igual que a maioría dos estados da Unión Europea, van recoñecer a soberanía do novo Estado. Bosnia, que avoga polo diálogo entre Belgrado e Pristina, poderíase abster.

Entre os estados máis belixerantes están, ademais do serbio, o español, así como Chipre, Grecia, Romanía e, sobre todo, Rusia. Precisamente, esta quinta feira o Consello de Seguridade da ONU a petición deste último país debateu a actual situación.

Advertencia de Rusia
Segundo declarou o embaixador ruso ante as Nacións Unidas, Vitali Churkin, os partidarios da independencia de Cosova constituíron a minoría. Nas consultas celebradas a porta pechada "só cinco estados dos 15 membros do Consello de Seguridade apoiaron o plan Ahtisaari", que contempla a independencia segundo o principio étnico, sinalou Churkin.

No mundo mantéñense uns 800 conflitos, relacionados con problemas étnicos e o precedente cosovar podería mover aos réximes separatistas a emprender accións perigosas, concluíu o embaixador.

Ademais, a axencia de noticias Interfax recolle as declaracións do ministro ruso de Exteriores onde advirte que Rusia mudará a súa política respecto as repúblicas independentes de Abkhazia e de Osetia do Sur (Xeorxia) de ser recoñecida a independencia de Cosova.

Pola súa banda, o presidente ruso, Vladimir Putin, acusou a UE de practicar unha dobre moral e emprazouna a apoiar outros movementos independentistas se tamén o fai co cosovar: "En España, a xente tampouco quere vivir nun só Estado, logo apoiádeos alí".

Explosión en Cosova
Por outra lado, a policía informou sobre a explosión dun artefacto nun local dunha misión da UE esta quinta feira á noite, situado na cidade de Mitrovica, no norte da rexión, onde serbios e albano-cosovares viven en sectores divididos polo río Ibar. A detonación non deixou vítimas.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: