Mozilla salienta que o software duplicou o seu uso durante o ano 2007.
A Fundación Mozilla, impulsora do navegador de código aberto Firefox, anunciou que xa chegou aos 125 millóns de usuarios, dos que 50 millóns empregan o software a diario. O membro do consello de administración de Mozilla Christopher Blizzard deu a coñecer en Los Angeles, na Southern California Linux Expo, estes e outros detalles sobre o presente e o futuro de Firefox.
Na actualidade, máis de mil persoas colaboran desinteresadamente dende as súas casas na programación de Firefox e das súas extensións, aos que lles hai que sumar outros 45 que traballan a tempo completo no navegador. Ademais, segundo a información facilitada por Blizzard, o número de usuarios do Firefox duplicouse no último ano, e a tendencia ao crecemento segue constante, fronte ao seu principal competidor, o maioritario Internet Explorer de Microsoft.
Agora está en desenvolvemento a versión 3 de Firefox, cunha terceira beta que se publicou esta mesma semana. Segundo Mozilla, estas versións de proba son testeadas por unha media de medio millón de persoas. A nova versión xa introduciu 12.000 cambios sobre Firefox 2, coa principal prioridade de reducir o consumo de memoria.