Os gobernos de Galiza e Portugal coinciden en subliñar o potencial dun espazo capaz de darlle soporte científico a unha armazón produtiva de 565 mil empresas.
O potencial da Eurorrexión á hora de "rendabilizar as relacións entre a universidade e a empresa", e así animar a transferencia de tecnoloxía, foi un dos eixos destacados polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, durante a súa intervención este mércores en Vogo na clausura da xornada "Eurorrexión do Coñecemento".
Touriño salientou que a Eurorrexión conta cun total de sete universidades, das que subliñou o "papel dinamizador" en tarefas como investigación e transferencia de coñecemento. Así mesmo, fixo fincapé na cooperación con Portugal en proxectos como o Centro Internacional de nanotecnoloxía de Braga, e insistiu na necesidade de "consolidalo" e facer que sexa un "elemento tractor do cambio" e do "proceso de excelencia" das institucións académicas.
Na mesma xornada, o ministro portugués de Ciencia e Tecnoloxía, José Mariano Gago, destacou o reto de captar "recursos humanos cualificados" ao tempo que tamén mostrou a súa vontade de impulsar a cooperación dentro da Eurorrexión e con outras zonas. Segundo explicou "non se pode mirar para dentro senón que hai que ter capacidade de interactuar con outras eurorrexións de Europa", asegurou.