Aínda que sen chegar a anciáns, os maiores de 35 anos formarán este equipo, cando se cumpre un cuarto de século do rugbi federado no país.
A base deste equipo está formado polos deportistas veteranos do CRAT e do Ferrol de rugbi, mais tamén chegaron, para se incorporar, algúns outros veteranos do rugbi galego, polo que decidiron poñerlle de nome ao equipo os Galicia Old Boys.
25 anos de rugbi en Galiza
Os Galicia Old Boys van participar no Golden Oldies de Madeira, Campionato de Europa de veteranos, en xuño, xusto no ano que se fan 25 anos do primeiro rugbi federado en Galiza.
O equipo galego vai comezar a se preparar xa, adestrando forte dende o vindeiro 23-F, en Getxo (Euskadi). Ese mesmo día han xogar un partido homenaxe a Íñigo Castro, xogador do CRAT Coruña, do Barbanza e do Getxo, que faleceu hai un ano nun accidente.