Chegou o día. A capital da cultura galega é dende este mércores e até o 24 de febreiro unha illa caribeña...
... a mesma na que viviron Curros, Cabanillas ou Neira Vilas, a mesma na que naceron o himno e a bandeira galegas e a Real Academia. A Feira Internacional do Libro da Habana, unha das máis importantes do mundo, inaugúrase este mércores con Galiza como país convidado. Ás sete da tarde, hora cubana (cinco horas máis en Galiza), na Praza de San Francisco, terá lugar a apertura oficial, nun acto oficial no que intervirá Ánxela Bugallo.
A seguir actuará na mesma praza Mercedes Peón. A música galega continuará a ser protagonista da noite na praza da Catedral, na que se celebrará un coctail de benvida, con música do noso país en directo.
Actos para o xoves 14
A actividade da Feira comeza en realidade o día 14, coa apertura dos stands de institucións e editoriais e a apertura dos pavillóns dos países representados no evento. Por parte de Galiza, destaca a conferencia que ofrecerá Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, baixo o título "Una conferencia para un país". O acto terá lugar no Teatro Nicolás Guillén e Villares estará acompañado de Ánxela Bugallo e de Miguel Barnet.
Ademais, presentaranse varios libros, como a reedición de 16 poemas galegos para Ernesto Che Guevara contra a súa morte, La vida y fugas de Fanto Fantini della Gherardesca, de Cunqueiro ou o Dicionario de Mulleres, de Aurora Marco. Tamén haberá música, coa actuación de Mercedes Peón, Dios ke te Crew e a Real Filharmonía de Galicia. E un apartado dedicado ao audiovisual, cunha mesa redonda sobre documental e memoria histórica no que participarán Margarita Ledo e Belkis Vega.
E para complementar o primeiro día, a participación en conferencias, encontros e obradoiros doutros representantes da nosa cultura, como Chus Pato, Antón Lopo, Víctor Lopo, Xosé María Álvarez Cáccamo, Helena Villar Janeiro, Xavier Rodríguez Baixeras ou Cesáreo Sánchez.