Tamén insiste na "descoordinación" do Goberno ao que acusa buscar só "o rédito partidista".
Na opinión do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, un dos sinais da "perda en calidade democrática" en Galiza é a aprobación por parte da Xunta dun decreto sobre o idioma no ensino que segundo el "racha un dereito e unha liberdade que desde a chegada da democracia sempre puideramos gozar os galegos: o dereito a expresarnos en galego ou castelán no noso país e a liberdade de escoller calquera das dúas linguas".
Teimou Núñez Feijoo en que ese é un dos ingredientes do "dirixismo e intervencionismo" do bipartito. "A principal responsabilidade dos gobernantes é xestionar os impostos dos cidadáns e durante este tempo a Xunta, mentres xestionaba mal os impostos dos cidadáns, tratou de xestionar os seus sentimentos", quéixouse o líder do PPdeG durante a súa intervención no Club Faro de Vigo este luns. Ao fío diso falou tamén Feijoo da "manipulación" que segundo asegura "está a sufrir a CRTVG, acusando á dirección do ente de facer uns informativos "que teñen a estratexia de prexudicar a imaxe do PPdeG".
"Retroceso" competitivo
Alberto Núñez Feijoo referiuse ademais a unha presunta "parálise" no desenvolvemento urbanístico, "ausencia" de novas infraestruturas, perda de liderado eólico, ou paso do naval público a unha situación "residual", segundo el, "en beneficio de estaleiros andaluces". Un conxunto de factores que na súa opinión implican un "retroceso competitivo" para Galiza no ámbito estatal e internacional.
Diante desa situación, asegurou que o PPdeG "propuxo solucións". "Ofrecémoslle consenso á Xunta para que negociara co Estado o fin do monopolio do subministro gasista desde Andalucía; apoiamos a negociación da crise dos estaleiros; presentamos unha batería de medidas para desbloquear o crecemento das explotacións leiteiras", citou entre outros.
San Gil di que o PSOE "reforzou" a ETA
Viña para falar da "muller na sociedade e na economía", pero durante a súa comparecencia este luns á beira do cabeza de lista do PP pola provincia de Ourense, Celso Delgado, a presidenta do PP en Euskadi, María San Gil, teimou no discurso no que máis cómoda se encontra. Así, asegurou San Gil que os catro anos de goberno de José Luis Rodríguez Zapatero "foron un retroceso democrático" porque segundo ela en 2004 "a ETA estaba contra as cordas "mentres que na actualidade a ETA-Batasuna volveu ás institucións co PCTV e ANV tamén está en 38 alcaldías".