Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
Admite que deu a subvención de 30 mil euros

Feijoo concede que foi "inadecuado" entregar o cheque da Deputación aos emigrantes mexicanos

O PPdeG contraataca acusando de "electoralismo" á ministra de Agricultura, a ourensá Elena Espinosa, por viaxar a Arxentina "con diñeiro público" a unha semana da campaña.

Redacción - 09:30 09/02/2008

"Non teño inconvinte en aceptar calquera tipo de crítica, porque son un demócrata e non pertenzo ao tribunal da Santa Inquisición, pero de aí a entregar cheques hai unha diferencia substancial", dixo Alberto Núñez Feijoo este venres despois da xuntanza do comité de dirección do PPdeG. Núñez Feijoo recoñeceu así que "probabelmente foi inadecuado" entregarlle ao presidente do Centro Galego de México o que cualificou de "documento", e onde se acreditaría a subvención de 30 mil euros outorgada pola Deputación de Pontevedra a esta institución, que segundo Feijoo, foi entregada "meses antes".

Críticas á viaxe da ministra e cabeza de lista do PSOE por Ourense
O PPdeG criticou hoxe que a cabeza de lista do PSOE pola provincia de Ourense, Elena Espinosa, teña previsto realizar, como ministra de Agricultura, unha viaxe oficial a Arxentina "con diñeiro público" a próxima semana e concluíu que a visita se producirá "por puro electoralismo e interese partidista".

"Ninguén pode crer que esta viaxe, ao lugar de todo o mundo onde residen máis emigrantes galegos, xurda de forma espontánea", subliñaron os populares. Nese sentido, recordaron que os billetes de avión e a estanza da ministra e da súa comitiva en Arxentina sufragarase "con diñeiro de todos os españois".

Por iso, o PPdeG esixiulle ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que "aplique a súa vara de medir", xa que mentres o PP "non gastou nin un só céntimo de diñeiro público", o PSOE "vai gastar millóns de euros para que a súa candidata se pasee por Arxentina a unha semana de que comece a campaña".

"O secretario de Organización, Ricardo Varela, pedirá a dimisión inmediata da ministra e desculparase ante as calumnias verquidas sobre o PPdeG", ironizan desde o PPdeG. Ademais, lamentou que tanto Elena Espinosa como o ministro de Cultura e candidato do PSOE ao Congreso pola provincia da Coruña, César Antonio Molina, "utilicen" os recursos públicos, coas Cortes xa disoltas, "para facer precampaña electoral".

Visita "oficial"
Segundo o Ministerio de Agricultura, Espinosa realizará a próxima semana unha viaxe oficial a Arxentina "co obxectivo de abordar as relacións bilaterais en materia de agricultura e pesca". Neste sentido, Elena Espinosa manterá unha entrevista co ministro de Economía arxentino, Martín Lousteau, na que estarán presentes o secretario de Agricultura, Gandaría, Pesca e Alimentos, Javier Urquiza, e o subsecretario de Pesca e Acuicultura, Gerardo Nieto.

Así mesmo, a Ministra de Agricultura, Pesca e Alimentación reunirase co sector pesqueiro de capital español que traballa en Arxentina baixo a fórmula de sociedades mixtas. Por último, Espinosa inaugurará unha 'Xornada de Portas abertas' no buque oceanográfico 'Miguel Oliver'.


4/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: