Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Logo da denuncia de veciños e do MpDC

O Valedor investiga os obstáculos do alcalde vigués ao acceso do pleno do PXOM

Abel Caballero convoca para o próximo luns o pleno que pedira o PPdeG pedindo a súa reprobación e a dimisión do edil de Seguridade.

Redacción / EP - 09:00 08/02/2008

Seguen camiño as denuncias que no seu momento presentaron colectivos veciñais vigueses e o Movemento polos Dereitos Civís na Fiscalía da cidade e fronte ao Valedor do Pobo pola teima do rexedor vigués, Abel Caballero, de prohibirlle o acceso ao edificio municipal a un grupo de veciños que pretendían asistir á sesión na que se ía tratar a aprobación do PXOM.

O Valedor do Pobo confirmou xa que se iniciou a investigación sobre a actuación levada a cabo polo alcalde durante o desenvolvemento do Pleno da Corporación do pasado 12 de decembro. A institución vai analizar así un proceder que en opinión do MpDC "vulnerou de xeito grave o dereito fundamental dos seus administrados a participar nos asuntos da vida pública". O Valedor, iniciou "as actuacións oportunas ante o Concello de Vigo", co cal a administración local ten agora a obriga de proporcionar un informe no que explique e xustifique os motivos polos que impediu o acceso á Casa Consistorial.

Pleno da reprobación, o luns
Doutra volta, Abel Caballero asinou este xoves a convocatoria do pleno extraordinario solicitado polo grupo municipal do PP no concello olívico coa fin de tratar a súa reprobación, así como a dimisión do edil de Seguridade, Xulio Calviño, e fixou a celebración da devandita sesión para o próximo luns. O grupo popular pediu a reprobación do alcalde e a dimisión do concelleiro de Seguridade, Xulio Calviño, pola súa actuación no pleno de aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal do pasado mes de decembro e no que, segundo o PP e a Federación de Asociacións Veciñais, impedíuselle o acceso aos cidadáns e encheuse o salón con militantes e cargos do PSOE.


O alcalde relacionou nas últimas horas esta petición do PP co rexeitamento á creación de vivenda protexida recollida no PXOM. Ademais, o rexedor mostrou o seu desexo de que a voceira do PP local, Corina Porro, "dea explicacións" nese pleno de por que "se aliña nun tándem cun grupo de promotores".

Con respecto á petición do pleno, a voceira do BNG, María Méndez, sinalou que "o Plan se aprobou hai un mes e tiveron tempo de reprobalo antes". "O PP non sabe estar sen o poder e manifesta así a súa frustración, en lugar de traballar", engadiu.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: