Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
Feijoo di que queren "tapar o que gastan na campaña exterior"

O PSdeG esixe un pleno na Deputación para explicar o pago de cheques

O secretario de Organización do PSdeG, Ricardo Varela, pídelle ao líder do PPdeG que "non escape con desculpas". Feijoo acúsao de difundir "falsidades".

Redacción / EP - 09:00 08/02/2008

O secretario de Organización do PSdeG, Ricardo Varela, ratificou hoxe que o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, entregou un cheque de 30 mil euros dunha subvención concedida pola Deputación de Pontevedra ao Centro Galego de México polo que lle esixe que "deixe de escapar con desculpas". Nun comunicado, o tamén conselleiro de Traballo aclarou que as súas acusacións "non son produto da imaxinación" senón "o reflexo da noticia publicada por un medio de comunicación de México ao que, por agora, ninguén acusou de faltar á verdade".

Segundo Varela, o presidente do Centro Galego mexicano, Luís Piñeiro, ratificou a devandita noticia nun medio de comunicación galego ao afirmar que a axuda lla entregara "o señor Feijoo" e que foi "unha entrega moi amábel nunha comida pequena na que había membros do PP e do Consello de Residentes Españois". Estas declaracións tampouco foron desmentidas por ninguén, aínda que horas despois de facelas Luis Piñeiro foi obrigado polo PP a retractarse vía carta, actos que o PSdeG considera "indignos".

Solicitude de debate no pleno da Deputación
Por outro lado, o grupo do PSdeG na Deputación de Pontevedra anunciou a súa intención de solicitar oficialmente a convocatoria urxente dun pleno para que o presidente desta institución provincial, Rafael Louzán, explique o pagamento da subvención. "Independentemente de se a subvención a entregou persoalmente o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, trátase dunha actuación reprobábel porque demostra que Rafael Louzán está a facer un uso partidista da Deputación", denunciou o voceiro dos socialistas na Deputación pontevedresa, Emilio González.

No mesmo sentido, a cabeza de lista do BNG ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Olaia Fernández Davila, acusou a Núñez Feijoo de levar a cabo "prácticas caciquís e antidemocráticas" e de facer unha "utilización partidaria de fondos públicos".

O PPdeG rexeita a denuncia
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, escolleu este xoves cinguirse ao comunicado remitido polo presidente do Centro Galego de México para asegurar que as acusacións lanzadas polos socialistas "son falsas". Feijoo afirmou que o presidente da Xunta fala de "falsas actuacións" co obxectivo de "tapar os millóns que se gasta o PSOE" na campaña en varios países de Latinoamérica.

Recordou Feijoo ao respecto que hai tempo xa o acusaran de que a Deputación de Pontevedra lle pagara viaxes ao exterior e que "demostrouse no Parlamento cos comprobantes" que era o PP o que asumira o pagamento. "Aínda estou a esperar hoxe polas desculpas", queixouse.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: