Touriño anunciou tamén a creación do Instituto Superior de Ensino Artístico de Galicia, no marco do proceso Boloña.
"Unha pequena cidade das artes", así o definiu Santiago Catalán, arquitecto do edificio que acollerá en Vigo a Escola de Arte Dramática. Este mércores colocouse en Navia a primeira pedra dunhas instalacións que comezarán a funcionar en 2009 e nas que se van investir máis de dez millóns de euros. A Escola formará ao redor de 250 alumnos cada ano nun comezo, e nunha segunda fase até 450, sumados os estudantes de postgrao.
A construción do centro é unha vella reclamación e ten como obxectivo paliar unha das eivas das artes galegas: a formación. A este respecto, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, manifestou a intención do seu goberno de poñer este ensino á altura das titulacións universitarias, no marco do proceso de Boloña, xa que o Espazo Europeo de Educación Superior recoñece o rango superior da ensino de artes escénicas.
Neste senso, Touriño anunciou a creación do Instituto Superior de Ensino Artístico de Galiza, un organismo que "centralizará e promoverá o futuro destas ensinanzas, velando pola boa marcha, a oferta e o funcionamento das escolas superiores".