Ao acto de presentación, que tivo lugar en Madrid, asistiron, entre outros, Suso de Toro, Fina Casalderrey, Ugia Pedreira, Luís Caruncho, Antón Patiño, Menchu Lama ou Reigosa.
Dende hai dous anos a literatura, a música e a arte galega ocupan novos espazos nos grandes eventos internacionais e comezou a estar presente nas principais feiras de produtos culturais do mundo: Frankfurt, Bolonia e Guadalaxara (libro), Popkomm, Womex e Midem (música), Bienal de Venecia (artes plásticas), ou Angouleme (banda deseñada).
As áreas estratéxicas de máis interese para este obxectivo son Europa e Latinoamérica. Precisamente coa presenza de Galicia como cultura invitada na Feira Internacional do Libro da Habana trátase de dar un primeiro paso para dar a coñecer a cultura galega en Hispanoamérica. En 2007 a cultura galega asistiu por vez primeira a feiras como Bos Aires, Montevideo ou Guadalajara, onde Galiza se postulou para ser protagonista da Feira do Libro en 2011. Este apoio á promoción exterior do libro galego complétase, segundo explicou Ánxela Bugallo "con medidas de apoio á tradución e cun amplo programa de difusión da nosa literatura e autores baixo a marca Letras de Galicia".
Letrasdegalicia.com
No acto presentouse a web letrasdegalicia para apoiar a promoción do libro galego no exterior. Xa en activo, esta plataforma de proxección da cultura galega no exterior acolle información sobre a literatura galega desde os seus comezos á actualidade con datos sobre o volume da edición en galego, a facturación... E ademais compila todas as axudas á edición, á internacionalización e á tradución que favorecen a difusión do libro galego, así como as últimas accións da Consellaría a prol do sector no ámbito da promoción como a información actualizada da presenza en feiras e dos principais autores e autoras galegas.
Esta ferramenta complementa a ReadGalicia. un escaparate on-line que mostra máis de 200 obras galegas recentes que inclúen un extracto traducido ao inglés.