Presenta na Coruña a súa colección, na que destaca 'O neno do pixama a raias', que esgotou a primeira edición, e prepara a saída de 'Lolita' e 'Obabakoak'.
Grandes títulos da literatura universal, algún recente best seller de calidade, boas traducións ao galego, e un deseño atractivo e novidoso. É a receita que converteu a Faktoría K nunha das noticias máis agradábeis para as letras galegas nos últimos dous anos, especialmente a súa colección Narrativa K. Títulos como o controvertido Cuspirei sobre as vosas tumbas, de Boris Vian con tradución de David Gippini, O señor Ibrahim e as flores do Corán, de Eric Emmanuel Schmitt con tradución de Emma Lázare, ou O neno do pixama a raias, de John Boyne con tradución de Daniel Saavedra, acadaron unha gran repercusión e cifras de vendas considerábeis no noso país.
Por exemplo, O neno do pixama a raias esgotou en dous meses a súa primeira edición, de dous mil exemplares, e a editorial tivo que encargar xa unha segunda, da mesma cantidade. O éxito do libro, traducido a máis dunha vintena de idiomas, líder de vendas en Irlanda durante 35 semanas, e con máis de 50.000 exemplares vendidos en España, debeuse en gran parte ao espallamento que tivo en colexios e institutos, nos que figura como lectura recomendada. De feito, son varios os centros escolares nos que se están a realizar actividades e obradoiros sobre o libro, e moitos xa solicitaron a presenza de Daniel Saavedra, o tradutor da obra ao galego.
Lolita e Obabakoak
Este xoves Faktoría K presenta na FNAC da Coruña a súa colección de narrativa en galego, coa presenza dos tradutores Daniel Saavedra e David Gippini, o coordinador editorial Xosé Manuel González, a editora Silvia Pérez e o deseñador Marc Taeger. Ante o éxito colleitado pola colección, antes do verán estarán nas librarías dúas novas traducións: Lolita, de Vladimir Nabokov con tradución de Xesús Fraga; e Obabakoak, de Bernardo Atxaga con tradución de Ramón Nicolás.
Tamén este ano Cid Cabido unirase á lista de autores galegos traducidos ao castelán por Faktoría K e distribuídos por todo o Estado e Hispanoamérica. Xa están na colección Males de Cabeza, de Fran Alonso; e La Frontera Infinita, de Celso Emilio Ferreiro.