O concello xa comezou a preparalo todo, por se lles toca ser a sede da olimpiada universitaria no verán de dentro de cinco anos.
A Universiada é a Olimpíada do deporte universitario, e faise cada dous anos convocando uns 10 mil deportistas de 170 países (cifras superadas só polos Xogos Olímpicos).
O programa deportivo está composto por 10 disciplinas de carácter obrigatorio: atletismo, fútbol, baloncesto, voleibol, tenis de mesa, esgrima, natación, salto e waterpolo, ximnasia artística e rítmica; e por tres disciplinas de exhibición. Nos próximos anos hase desenvolver en Belgrado (Serbia) en 2009, e Shenzhen (China) no 2011.
A XXVII universiada en Vigo
A Xunta quere apoiar o desenvolvemento da XXVII Universiada en Vigo porque vai supor "un grande proxecto económico, social, deportivo e cultural que repercutirá na área de influencia da cidade olívica" e en todo o país.
Segundo o Goberno, a celebración deste grande evento deportivo suporá unha mellora e maior difusión de hábitos de saúde e ocio entre a poboación e "proporcionará os valores do espírito do deporte a todas e todos".