Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Os movementos do fútbol galego

Uns compran, outros venden, uns poucos ceden…

A unhas horas de se pechar o mercado de inverno, dende Vieiros facémosche, desinteresadamente, un resume do "comercio" de xogadores nos equipos do país.

Redacción - 13:30 30/01/2008

Comezamos polo Depor, que estes días xa armou moito escándalo entre os xornalistas televisivos, que podían amosar unha e outra vez a imaxe da modelo Oksana Andersson, dona do interior dereito sueco Christian Wilhelmsson, quen, ao parecer, podería viaxar xa esta cuarta feira cara Galiza. Lendoiro deulle o visto e prace a Lotina, e só quedan unhas horas para fechar a fichaxe.

Geovanni Deiberson, do Manchester City, era a primeira opción para reforzar a banda dereita, pero o Depor busca que Wilhelmsson demostre definitivamente o que vale na Coruña, tras as súas últimas experiencias na Roma e o Bolton. A operación pecharíase a tres bandas, co Bolton (onde xoga cedido) e o Nantes (o clube que ten os seus dereitos).

Wilhemsson sería a primeira fichaxe dos coruñeses no mercado de inverno, aínda que sobre a mesa de Lotina andan as referencias de Bergessio, un arxentino do Benfica que é o obxectivo para reforzar a dianteira do equipo.

Esta é a última das que se sabe, pero os movementos do fútbol galego foron intensos estes días, en canto a xogadores, mais tamén a adestradores.

As outras fichaxes
Comezamos coas fichaxes da Segunda.

O Celta fixo a fichaxe do ano, segundo o adestrador, López Caro, que a pasada fin de semana eloxiaba a actuación do arxentino Ariel Rosada. Foi a terceira incorporación dos celestes no mercado de inverno, após a chegada do gardameta Luis García (obrigada, tras a marcha de Pinto ao Barcelona) e de Fernando Sales, a alternativa na banda a Núñez.

O Clube celeste dixo que aínda se agardan novas sorpresas, a poucas horas de se pechar o mercado, mais esta semana Mouriño, o presidente, dixo estar convencido de que o cadro de xogadores que agora teñen "está feito para ascender".

O Racing acaba mesmo de fichar ao brasileiro Roberto de Souza, que chega a Ferrol cedido polo Celta. Xa ten xogado coa Canarinha sub-20, e suponse que vén con ansias de gañar minutos no terreo de xogo, porque cos celestes pisouno ben pouco (non chegou nin a xogar os 5 partidos de rigor). É mediocentro defensivo.

Indo a Segunda B, está aí o Pontevedra (ademais na cabeza da táboa, tras gañarlle esta fin de semana ao Real Madrid Castilla), que recuperou para si a Javi Rodríguez, acabado de chegar do Racing, mais que xa tiña xogado cos granates tres partidos nos que marcou tres goles.

Na mesma división anda o Depor B, no ecuador da liga. Acaban de fichar a Lassad Nouioui, que botou unhas semanas a proba xunto con Bencharif e Mareck Amir.

Os xogadores do país
Tras o regreso de Oubiña, que esta semana volvía co Birmingham, (entrando na fase definitiva de recuperación da rotura dos ligamentos do seu xeonllo esquerdo), o nome do fútbol galego que máis soou foi o de Diego López.

O xenial porteiro da irmandiña, conseguiu definitivamente esta fin de semana a titularidade no Villarreal, alén de ser un dos xogadores que máis destacou, cos seus voos e o seu metro noventa e seis de altura no partido fronte ao Real Madrid.

Por outro lado, tamén foi noticia a fichaxe de Viqueira, capitán da selección galega, que David Vidal quería para o Elche, pero que finalmente marchou para o Xerez (onde xa xogou de 2000 a 2002), fuxindo dun Levante que ten problemas para lles pagar aos seus xogadores.

Os adestradores made in Galiza
Esta semana tamén se soubo de volta de Castro Santos para o Poli Ejido, equipo que xa adestrara, evitando o seu descenso, en 2002. A súa chegada foi froito da destitución de outro galego, o adestrador arousán Luís César, que antes foi o técnico do Racing.

Por outra banda, estes días tamén soou o nome de Francis Cagiao, ex adestrador do Lemos, que na actualidade traballa para o Arsenal británico, e que podería fichar pola Real Sociedad para ser o novo responsábel da secretaría técnica de entidade, tras a fichaxe de Irureta, o outro candidato, para adestrar ao Zaragoza.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Diego López, de escuro coa camisola de porteiro da irmandiña
Diego López, de escuro coa camisola de porteiro da irmandiña
Saque / Flicrk: mjail
Saque / Flicrk: mjail
Castro Santos volve ao Poli Ejido
Castro Santos volve ao Poli Ejido
A nova fichaxe do Depor, Christian Wilhelmsson
A nova fichaxe do Depor, Christian Wilhelmsson