O concelleiro e voceiro do Partido Galeguista en Oroso, Manuel Siverio Mirás, afirma que o partido está controlado por "caciques" e denuncia o último congreso.
Publicamos de xeito íntegro un manifesto do concelleiro e líder do PG en Oroso, Manuel Siverio Mirás. O edil enfrontado totalmente á liña do partido cre que o último congreso está inzado de irregularidades. Siverio Mirás pediulle a semana pasada á Fiscalía Xeral de Galiza a suspensión cautelar da organización e a anulación do IX Congreso. O concelleiro considera que a organización é "antidemocrática" a nivel interno. Manuel Siverio Mirás, foi concelleiro do BNG en Oroso. En 2007 anunciou o cambio de formación por discrepancias internas coa dirección comarcal do Bloque.
Opinión íntegra
"Manuel Siverio Mirás Liñares, concelleiro-portavoz do Partido Galeguista no Concello de Oroso MANIFESTO:
Que o Partido Galeguista continúa na escuridade sen atopar a luz. O pasado día 26 de xaneiro celebrou o IX Congreso dunha maneira totalmente antidemocrática e contraria a dereito, este foi o congreso do fracaso, máis ridículo e absurdo; tan só chegaron a participar 117 persoas cando nas pasadas eleccións municipais se chegaron a presentar nas distintas candidaturas cerca de 700, é decir, o 83 % deulle a espalda ós dirixentes por incompetentes e antigaleguistas e non estar constituidos legalmente.
Agora pretenden legalizar o partido os mesmos que forman parte da dereita máis extrema de Galicia, que amparándose baixo as siglas do PG non teñen nada que ver co ideario de Castelao, Alexandre Bóveda e tantos outros, fundadores do PG no ano 1931. Os que preconizan falsamente ser os herdeiros do Galeguismo, están a protagonizar a máis pura esencia esperpéntica vallinclanesca dunha agrupación política sin identidade galega na forma e no fondo. A identidade do país non se consegue con actuacións esperpénticas nin con vulgares emires de reinos de Taifas. As testemuñas do galeguismo fanse co traballo permanente e a credibilidade que proporcionan os proxectos políticos, defendidos por persoas leais, boas e xenerosas.
Os catro que exerceron de dirixentes sen selo legalmente e convocaron este congreso deixando fora e prohibindo antidemocraticamente a participación dos que defendemos o galeguismo democrático e nacionalista son un obstáculo para o cambio que precisa o Partido Galeguista e deben presentar a súa dimisión irrevocable e asumir as responsabilidades en que incorreron polas actuacións fraudulentas que posiblemente realizaron, non poden continuar xogando cos sentimentos galeguistas das persoas que si creen no Partido e nun proxecto político elegante e fructífero para o País.
O deber dos demócratas galegos é loitar contra os caciques ata apartalos do Partido Galeguista, como fixeron os nosos devanceiros: Castelao, Bóveda e tantos outros."