A candidatura do presidente do PP coruñés, Juan Juncal, ao Senado abre a porta ao seu relevo na estrutura conservadora.
O PPdeG deu a coñecer este luns as súas listas ao Congreso e ao Senado. O noutrora coñecido como “sector do birrete” copa as candidaturas nas catro provincias. A maioría dos elixíbeis son xente da máxima confianza do propio Mariano Rajoy.
Na Coruña, o cabeza de lista, Antonio Erias, estará acompañado por Xerardo Conde Roa (número dous); Arsenio Fernández de Mesa (tres); e Belén do Campo (catro). Todos eles homes e mulleres da corda do que fora barón do PP coruñés, o ex conselleiro e ministro Romay Beccaria. Porén, chama a atención o feito de que o actual presidente provincial Juan Juncal encabece a lista ao Senado, logo de intentar sen éxito liderar a lista ao Congreso. A decisión de enviar a Juncal á Cámara baixa española é interpretada por moitos como “unha saída” que lle está a buscar o partido para sacalo da dirección provincial, onde está a ter unha forte contestación, tanto da militancia como dos alcaldes.
En Pontevedra, ademais de Ana Pastor, estarán nos primeiros postos o vigués Javier Jorge Guerra, un home que conta cos parabéns das diferentes sensibilidades; e a filla do ex alcalde de Ponteareas, María Nava Castro, como compensación polo seu paso ao PP. O número catro é para María Ramallo (Marín), unha muller moi próxima a Núñez Feijoo. A lista ao Senado encabézaa a ex alcaldesa de Vigo, Corina Porro, que está acompañada dunha persoa estreitamente relacionada coa ex ministra Ana Pastor, a pontevedresa Dolores Pan.
Adeus a Cacharro
En Lugo, a noutrora longa man de Cacharro Pardo queda definitivamente amputada, logo de que o PP xa anunciase hai días que un dos seu maiores inimigos internos, Joaquín García Diez, encabezaría a lista. O posto número dous é para a alcaldesa de Sober, Raquel Arias; e o terceiro para Olga Iglesias (Triacastela). Xosé Manuel Barreiro tamén colle o camiño do Senado, como compensación logo da progresiva perda de poder no PPdeG.
En Ourense, canda Celso Delgado (home moi fiel a Rajoy), estarán o decano de Empresariais, Jesús Vázquez e Ana Belén Vázquez (Bande). Carmen Leyte, alcaldesa de Cartelle, encabeza a lista ao Senado.