Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Anomalías" sinaladas polo Consello de Contas

Portos de Galicia en tempo de Feijoo: a "máquina de favores"

A voceira de Ordenación Territorial do grupo parlamentario do BNG, Carme da Silva, e o deputado Bieito Lobeira, expuxeron as queixas sobre a xestión que deste organismo fixo o anterior goberno.

Redacción / EP - 18:30 25/01/2008

Á luz do informe emitido polo Consello de Contas sobre o exercicio 2004 de Portos de Galicia, os voceiros do BNG argumentaron que durante ese período se produciu un "descarado favoritismo" á hora de adxudicación de obras por parte deste ente público. Carme Da Silva e Bieito Lobeira recordaron que nese momento era presidente de Portos de Galicia o agora voceiro do PP na cidade da Coruña, Carlos Negreira, e que á fronte da Consellaría de Política Territorial, de quen dependente este órgano, estaba o actual líder do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo.

Os nacionalistas cualificaron de "caciquil" o procedemento de contratación e adxudicación de obras en nome de Portos de Galicia, e falaron de "descarado favoritismo" na actuación do ente. Segundo Lobeira e Da Silva, a fiscalización do exercicio 2004 demostraría "numerosas anomalías" na xestión, en forma de concesións a empresas "afíns" aos populares. Ao respecto, o Bloque considera que o actual presidente de Portos de Galicia debera comparecer na Cámara para explicar o acontecido.

"Mal uso dos investimentos"
O BNG quéixase por exemplo dos criterios "subxectivos" aplicados polos responsábeis do PPdeG para a adxudicación de infraestruturas. "O PP baseou os requisitos na experiencia das empresas e no volume de obras que as empresas realizaran nas comunidades autónomas e non en criterios tales como o control de calidade ou a oferta máis económica", explican, recordando que a Unión Europea xa prohibira en 2004 que se basease a adxudicación en criterios de experiencia.

Como exemplo de "mal uso" dos investimentos láianse tamén de que o ente público asumise a realización das obras mentres que a xestión do porto se trasladaba posteriormente a empresas privadas. Ao fío, indican que Portos de Galicia asumiu posteriormente o pagamento de abono á empresa concesionaria en concepto dos custos de xestión.

Portos con e sen "glamour"
"Portos náuticos como o de Sanxenxo correron a cargo de Portos de Galicia. Mentres, portos como o de Rianxo ou A Guarda estaban nunha situación de abandono total e ademais pagan impostos. Non eran tan glamurosos como o club náutico de Sanxenxo", ironizou Lobeira.

Os nacionalistas tamén se referiron ás extralimitacións de competencias municipais, polos que, segundo o informe, o Concello de Ribeira usou os espazos do porto para facer un "aproveitamento lucrativo" que se realizou á marxe das autorizacións necesarias de Portos de Galicia. Esta situación, afirma o estudio, é unha "constante".


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: