Un informe presentado este venres polo conselleiro de Presidencia propón que esta organización territorial conte con 18 municipios e se basee nos consorcios.
O conselleiro de Presidencia, Méndez Romeu
O conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, presentou este venres o estudo Delimitación da Área Metropolitana Funcional de Vigo, editado pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP), que contempla a inclusión de 18 concellos entre estes o de Pontevedra.
Ademais aposta pola potenciación dos consorcios por ser o xeito "máis axeitada para a xestión de servizos públicos coma o transporte, o abastecemento da auga, os servizos sociais ou a protección civil", segundo Xabier Ferreira, secretario xeral da Vicepresidencia, e autor dun capítulo sobre aspectos xurídicos da área metropolitana.
Outro dos autores do informe, o profesor de Economía da Universidade de Vigo Santiago Lago, explicou que o número de municipios que deben conformar a de Vigo depende da perspectiva con que se aborde a cuestión, aínda que en todo caso concluíu que "sempre saen Vigo e Pontevedra dentro".
En concreto, o estudo considera que a Área Metropolitana de Vigo comprendería, ademais deste, outros 17 municipios: Baiona, Bueu, Cangas, Gondomar, Marín, Moaña, Mondariz-Balneario, Mos, Nigrán, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Porriño, Redondela, Soutomaior, Tui e Vilaboa.
O alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, avogou en varias ocasións por estabelecer unha área metropolitana de 28 municipios, entre os que non estaría o Concello de Pontevedra. A proposta do PPdeG tampouco o incluía e cinguíase a 14 concellos.
Oposición das deputacións provinciais
Méndez Romeu afirmou que "todas as experiencias previas en España fracasaron, sen excepción", polo que avogou por "aprender das causas dese fracaso". Así, advertiu de que para que as áreas metropolitanas saian adiante en Galiza "ten que producirse un grande consenso político".
Ademais, considerou que unha hipotética oposición das deputacións a súa implementación "non debería resultar un obstáculo", xa que non existe un conflito de competencias porque as que levan a cabo os entes provinciais "son funcionais e non formais".
O resto de autores son Miguel Caínzos, profesor de Socioloxía da USC e responsábel da Unidade de Investigacións da EGAP, Albino Prada, profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, e os integrantes da Unidade de Investigación da EGAP: Pilar Luaces, Carmen Voces, Martiño Rubal, Paula Rama e Ana Fontenla.