A banda viguesa, formada por catro mozos de vinte anos, publica o seu primeiro disco, Upskirts, unha das sorpresas do ano.
The Blows soan familiares. Nas súas cancións están The Strokes, Franz Ferdinand e mesmo Mendetz ou !!! nalgún dos cortes do seu novo álbum. Tamén parecen algo xa visto na súa estética. Pero no fondo Vigo non é tan distinta a Glasgow e Galiza ten moito que ver con Escocia. Daquela, que importa? Upskirts, o primeiro álbum de The Blows, soa fresco, alegre e potente, e aquí tamén temos dereito a bailar.
Estes catro rapaces vigueses de vinte anos (Roy Basanta, Bruno Mosquera, Alex Lago e Alex Penido) foron unha das revelacións do 2007. Actuaron no Festival do Norte de Vilagarcía, e mesmo foron convidados a Paredes de Coura. En setembro actuaron no 2º Festival Cáceres Pop-Art, onde recibiron o premio ao mellor grupo powerpop do Estado. Agora aquela maqueta que levaba meses soando convértese nun álbum producido de forma axeitada e que Pupilo records distribuirá por toda España. Con cancións como Sin City Lies, Two Minutes, Damn 80´s Hooker, Disco, 107 dB, Do You Like My Boots,HUH? ou We Want You, Upskirts pode converterse nun dos álbumes que máis peguen no 2008 en todo o Estado.
O álbum está dispoñíbel dende o martes 22 e este sábado será presentado na Iguana, en Vigo. The Blows volven a casa.