As viguesas clasificáronse para xogar a final raíña (nunca mellor dito) do baloncesto estatal, mais grazas á vitoria do Zaragoza fronte o Hondarribia.
Despois de perderen 65-71 no pavillón das Travesas este sábado, contra o Extremadura Dato, as xogadoras viguesas puxéronse todas arredor dun computador para seguir o partido das mañas contra o Hondarribia. Da vitoria das xogadoras do Zaragoza dependía a súa clasificación para a Copa da Raíña.
Ao final, após unha prórroga e quince minutos de desesperación, a derrota das vascas clasificaba as viguesas.
65-71 no último cuarto
A pesar do resultado final, as viguesas só demostraron fraqueza no terceiro cuarto, no que, a pesares de comezar gañando cunha diferenza de 9 puntos, caeron baixo a presión das estremeñas. As viguesas perdéronse no ataque e as diferenzas íanse recortando. Terminado o cuarto había un empate de 49 puntos.
O cuarto final foi o máis complicado, e as viguesas fallaron moitas das canastras máis claras (dende debaixo do aro); pola contras, as estremeñas non fallaron unha, e quedaron coa vitoria final.
Os equipos galegos na División de Honra Feminina
O Celta Vigourban segue oitavo na clasificación da Liga, con 13 partidos xogados (7 perdidos e 6 gañados). As outras galegas na primeira liga de baloncesto son as arousás do Extruagasa Cortegada, que xa se clasificaron a pasada semana para a Copa; agora van de sextas (con 13 partidso xogados, 7 gañados e 6 perdidos).