María Seoane é presidenta de Novas Xeracións. Afiliouse ao PP en 2001, estuda Dereito e colabora nos labores de xestión da Fundación Valle-Inclán. Unha entrevista de Diego Ameixeiras.
Mariano Rajoy ten demostrado a súa preocupación pola discriminación do castelán en Galiza. Dende a Mesa pola Normalización Lingüística critícase o escaso compromiso do bipartito na normalización do galego, e moitas voces advirten dunha perda alarmante de falantes. Vaia lea! A quen debemos facer caso?
O respecto e a protección dos idiomas enriquece a cultura dun pobo. Os galegos estamos a demostrar que sabemos convivir perfectamente entre dous idiomas.
Para ofender, sempre se di da xente do Partido Popular que son uns "pijos". Deféndase un pouco. Nestes tempos tan confusos, non ten vostede advertido a presenza de "pijerío" nas filas socialistas ou do Bloque?
Un ataque aos demais non é a mellor defensa, pero supoño que se en Novas Xeracións de Galicia hai 8.500 afiliados, en Xuventudes Socialistas 2.000, e en Galiza Nova 90... En proporción, teremos máis "pijos", máis hippies, máis punkies...
Cónteme algo das súas orixes. Como naceu a súa vocación política?
Quizais a política sexa o campo onde mellor se pode escoitar á xente e onde se pode facer deste mundo algo máis próspero. Será por iso que naceu a miña vocación...
E ten algún tipo de ambición política polas alturas ou cre simplemente na política como traballo de base?
Como dicía Santa Teresa, "A Deus pódeselle atopar se se quere, tamén, entre os pucheiros".
Así, entre nós. Miremos un pouco ao pasado... Atrévese a dicir que con Manuel Fraga, os galegos viviamos mellor?
Mellor que con Quin e Touriño como "Presidentes" da Xunta, seguro!!!
Pois o Presidente 1 (Touriño) deunos unha gran noticia cando dixo que non come en restaurantes de luxo. Dígame, onde come vostede normalmente?
A min gústanme as comidas caseiras. Aínda que supoño que comer na casa para Touriño será un luxo, tendo a súa en primeira liña de praia.
O Partido Popular está en contra do famoso canon dixital. Imaxino que lle parecerá moi inxusto que unha entidade privada, a SGAE, xestione unha taxa por se temos o valor de facer copias de discos de Luis Cobos...
Imaxina ben. Non creo que teñamos que pagar por sermos sospeitosos. Pero ZP ten que compensar os favores a Pilar Bardem e os seus amigos e non lle queda outra que tirar dos cartos de todos nós...
Entrevista publicada na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 128, xaneiro de 2008)