O PPdeG considera que o goberno español esqueceu o tema no recente cumio ibérico e que o presidente da Xunta "calou". Desde o Goberno subliñan que está garantida a finalización do treito para 2013.
"O obxectivo de culminar a conexión foi acordado en anteriores cumios", indicaron este domingo desde a Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia. Nese sentido, citan desde ese departamento as declaracións este mesmo venres do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, ao respecto do proxecto: "Mantemos, así mesmo, o obxectivo firme de completar, no horizonte de 2013, (...) os grandes proxectos de comunicacións. En primeiro termo, a posta en marcha dun tren de altas prestacións (...) dende o norte de Galicia ata o sur de Portugal".
Por este motivo, desde a Xunta cualifican de "clara terxiversación do PPdeG", as dúbidas achegadas sobre o futuro do proxecto ferroviario e subliñan que se garantiu que teña "idéntico nivel de prioridade" que a conexión Lisboa-Madrid.
O comunicado da Xunta chega en resposta a un previo do PPdeG, onde os populares aseguraban que se "esquecera" a alta velocidade ferroviaria para a eurorrexión. Por este motivo, o PPdeG anunciou que proximamente presentará unha iniciativa no Parlamento para que se aclaren os prazos de comezo da construción da liña Vigo-Porto. "Cada vez que se pregunta polo comezo da obra non se comprometen coa data e atrasan un ano máis a súa finalización", quéixanse.