A senadora demócrata e o ex gobernador republicano de Massachusetts gañaron os caucus dos seus partidos organizados este sábado en Nevada. O republicano John McCain impúxose en Carolina do Sur.
A senadora demócrata Hillary Clinton e o ex gobernador republicano de Massachusetts Mitt Romney gañaron os caucus dos seus partidos organizados este sábado en Nevada, ambos os dous impulsados polo voto latino, moi presente neste Estado.
Clinton (50,71%) conseguiu a vitoria con case seis puntos de vantaxe sobre o seu principal rival, Barack Obama (45,19%). Esta é a segunda vitoria consecutiva da ex primeira dama nas primarias demócratas.
No lado republicano, Romney fíxose co 52% dos votos. Tamén é a segunda gran vitoria para o aspirante republicano, quen xa gañou o pasado 15 de xaneiro o caucus de Michigan, estado onde naceu.
O congresista Ron Paul e o senador por Arizona John McCain loitan polo segundo posto, ao sumar ambos o 13% dos votos, o que representan 4.382 e 4.348 votos, respectivamente.
Os analistas políticos apuntan ao respaldo crave da comunidade hispana en Nevada para a vitoria de Clinton e Romney, así como o das mulleres no caso da primeira. O 5 de febreiro terá lugar o coñecido como 'Supermartes', data en que 24 estados acollen caucus.
John McCain gaña en Carolina do Sur
Por outra banda, con case o 100% dos votos escrutados, o senador de Arizona, John McCain gañou cun 33% as primarias de Carolina do Sur, tras uns resultados axustados con respecto ao seu rival Mike Huckabee, que obtivo o 29%, informa The New York Times.
Segundo as enquisas realizadas a pé de urna, McCain recibiu un grande apoio dos votos conservadores, que se impuxo ao 'bloque evanxélico', principal soporte de Huckabee.